08/02/22

Día Internacional dos Humidais

Tal día coma hoxe, o Día Internacional dos Humidais, o 2 de febreiro de 2021, inauguramos a pociña da fraga do NW do eido do centro que na actualidade é xa parte da nosa paisaxe.

Ao longo do seu ano de vida foise creando un ecosistema lacustre xeitosiño que sempre daba sorpresas a quen a visitase. Os alumnos e alumnas de 3º de ESO e 1º de bacharelato do curso pasado, así como o Comité climático de observación da natureza, foron monitorizando os cambios que se ían producindo. O seguimento foi realizado tanto visualmente como con axuda de diferentes aparatos e técnicas de laboratorio, como a observación da auga a microscopio, a análise do PH ou a análise da disolución de oxíxeno en auga, tal e como fomos informando en diferentes entradas do blog. 

Este ano co gallo do novo Día Internacional dos Humidais, e vendo o ben que estaba funcionando a charca, propuxémonos levar a cabo a súa ampliación co obxectivo de crear unhas condicións máis axeitadas para o desenvolvemento do ecosistema acuático.

Para a ampliación da charca, realizada o 26 de xaneiro, contamos novamente coa xenerosa axuda do Departamento de medioambiente do Concello de Ames, coordinado por Patricia Reboredo, que se encargou do fornecemento do material e da realización do traballo; así como da ONG ADEGA,  representada por Ramsés Rodríguez, que se encargou da supervisión e guía na realización do traballo. 

Agradecémoslle moito o seu traballo, así como o apoio de Manuel Lens Cernadas, Concelleiro de medioambiente, medio rural e turismo, que se achegou para acompañarnos nesta actividade.

Deixámosvos en primeiro lugar unha fotografía co resultado final e despois engadimos fotos e explicación do proceso de desmantelamento e ampliación.

Con respecto ao proceso seguido, o primeiro que fixemos foi rescatar todo o ecosistema creado para poder incorporalo á nova charca, tal e como podedes ver nas fotografías a seguir.

Nesta imaxe podedes ver a diferenza de tamaño entre a charca construída en 2021 e a nova charca construída en 2022. 


Unha vez que rematada a excavación, procedeuse á colocación dunha capa de xeotéxtil e do plástico que serve de fondo da charca.




A continuación comezouse o proceso de enchido da charca e a colocación dos elementos recuperados da charca anterior na súa nova localización.




A medida que ían avanzando os traballos na charca, Ramsés Rodríguez informaba aos alumnos e as alumnas do proceso e da importancia das charcas desde o punto de vista medioambiental. O concelleiro Manuel Lens Cernadas seguiu con interese estas explicacións.


Os alumnos acarretaron e colocaron pedras na beira da charca con dous propósitos, asegurar a estabilidade do plástico e ofrecer unha superficie que facilite zonas confortables para a fauna que se achegue á charca.



Unha vez rematada a ampliación da charca xa comezaron a chegar alumnos e alumnas interesados no seu progreso. A fotografía amosa ás primeiras persoas visitantes. Benvidas!!


Queremos darlle as grazas ao equipo de medioambiente que fixo posible a ampliación da charca e convidarmos a todos e todas a que a visitedes e participedes no seu mantemento e na observación dos seus cambios ao longo do tempo. Animádevos!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario