O 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medioambiente. Esta celebración foi establecida pola ONU en 1972, o mesmo día que aprobou a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medioambiente.
Coincidindo con esta celebración, realizamos no instituto diferentes actividades ao longo do mes de xuño:
Na entrada do instituto podedes ver o fermoso mural A árbore da sostibilidade, realizado polos alumnos e alumnas de 1º ESO G da materia de Paisaxe e Sostibilidade, e a Comisión climática de arte sostible. As raíces da árbore amosan as causas da emerxencia climática, o tronco e as polas as consecuencias, e as follas as solucións.
A Comisión de radio sostible, Chíos verdes, acaba de publicar o seu primeiro podcast. Dentro de pouco teredes unha ligazón para escoitalo desde o blog da biblioteca.
Os alumnos e alumnas de 3º ESO A e C da materia de Xeografía e Historia remataron o herbario de plantas documentadas no eido do noso centro así como a sinalización das plantas da pradeira natural situada ao S do patio. Ademais, os alumnos e alumnas identificaron tres pequenos freixos e sinalizáronnos para que non sexan cortados e poidan desenvolverse ata ser tan grandes como o que xa existe na pequena fraga do NW.
Como actividade de clausura, os alumnos e alumnas uniron natureza e tradición na celebración do soslticio de verán.
Os alumnos e alumnas identificaron sete das plantas que se usan tradicionalmente para celebrar o solsticio de verán, coñecidas como herbas de San Xoán, e seguindo a tradición puxéronnas en remollo durante a noite baixo a luz da lúa. Ao día seguinte comprobamos o resultado: un auga arrecendente, malia non poder desfrutar moito o arrecendo por mor das máscaras!
Este día tamén se estreou o documental The last Ice, do National Geographic, sobre como o cambio climático destrúe o modo tradicional de vida dos Inuits en Groenlandia. Podedes ver aquí o tráiler.
Ningún comentario:
Publicar un comentario