23/06/19

Cartas cifradas e mensaxes ocultas

Podedes visitar a exposición Cartas cifradas renacentistas feita polos alumnos e alumnas de 3º de ESO A e que está instalada na entrada do centro.


O traballo forma parte da investigación A paisaxe renacentista e barroca de Ames e encádrase no proxecto de educación patrimonial Mirando polo camiño, do Plan Proxecta. Neste proxecto os alumnos e alumnas fixeron unha investigación da paisaxe integral moderna de Ames desde o nivel de macropaisaxe ata o de cultura material.


As cartas son os documentos máis frecuentes da Idade Moderna, tanto persoais como oficiais, e na época tamén era moi frecuente escribir mensaxes cifradas para evitar a espionaxe. Este aspecto da correspondencia da época chamou a atención dos alumnos e alumnas e por iso decidimos traballar nela. 

Existían moitos tipos de cifrados entre os que o alumnado elixiu os numéricos e os semánticos, e tamén era moi frecuente enviar mensaxes segredas ocultas dentro dun texto aparentemente trivial. A mensaxe oculta escribíase e líase co uso dunha plantilla que posuían tanto o emisor como o receptor.  

Os alumnos e alumnas elixiron o tipo de carta que querían escribir e procederon a súa redacción. Realizaron un glosario coa correspondente encriptación e unhas plantillas no caso das mensaxes ocultas.



Ao remataren o traballo de escritura, os grupos dobraron cadanseu documento ao xeito da época, xa que daquela non había sobres, e a seguir pechárono cun selo aplicado sobre lacre previamente fundido.

Finalmente, os alumnos e alumnas intercambiaron os documentos cos compañeiros e compañeiras que intentaron descifralos seguindo as pautas de encriptado e usando as plantillas correspondentes.



Ningún comentario:

Publicar un comentario