Este traballo encádrase dentro do proxecto A paisaxe medieval de Ames, realizado ao abeiro do ProxectoTerra e o Plan Proxecta, no que fomos analizando a paisaxe medieval integral de Ames desde o nivel macroespacial ata a cultura material e o patrimonio inmaterial.
Os alumnos e alumnas compuxeron poemas inspirados na estrutura das cantigas de amigo medievais. Os temas das cantigas foron variados. Algunhas cantigas ambientáronse na Idade Media tocando temas como a opresión do pobo por parte dos señores, que desembocou nas Revoltas Irmandiñas, ou a morte, moi presente na época, sobre todo en relación coa Peste Negra. Outras cantigas trataron temas atemporais como o amor e a amizade; e tampouco faltaron temas moi asociados á nosa época como o impacto negativo do ser humano sobre o medio ambiente.
As cantigas foron escritas a bolígrafo, aínda que aprendimos que na Idade Media se usaba tinta ferrogálica elaborada co tanino dos bugallos dos carballos e sales de ferro. Ao remataren o traballo de escritura, os grupos dobraron cadanseu documento
A seguir pecharon os documentos cun selo aplicado sobre lacre previamente fundido, coa fin de recrear as cartas e os documentos medievais.
Unha vez realizados os documentos, os alumnos e alumnas convertéronse en trovadores e trovadoresas. Cada grupo abriu a súa cantiga e recitouna aos demais compañeiros e compañeiras, e deixounas abertas na exposición para que todo o resto da comunidade educativa as puidera ler tamén.
A exposición recrea un escritorio medieval e presenta todos os elementos empregados polo alumnado para recrear a escrita medieval cunha tarxeta explicativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario