Os alumnos e alumnas de 1º ESO C, D, E da materia de Paisaxe e sustentabilidade fixeron un percorrido polas distintas paisaxes de Ames sobre as que investigaron ao longo do curso. Os propios alumnos e alumnas foron os encargados de explicar aos demais compañeiros e compañeiras as características das súas paisaxes e dos diferentes lugares visitados.
Tamén contamos coa axuda de diferentes veciños que xenerosamente compartiron connosco as súas memorias e coñecemento sobre os lugares nos que viven: Queremos dar grazas a Gabriel que nos amosou o pombal situado na súa propiedade en Loureiros, a Marisa que nos ensinou a lavar en Calo, e a Carmen, Florinda e Otilia que nos axudaron a imaxinar o muíño de Lapido funcionando, as mozas poñendo a roupa ao clareo e lavando, e o río Sar ateigado de troitas e lampreas.
Tamén queremos agradecer á familia da alumna Lúa Ardións por ter limpado e preparado o muíño de Lapido para a nosa visita.
Por último, damos o noso agradecemento á ANPA do centro por ter financiado o autobús para a nosa viaxe.
Podedes atopar toda a información sobre as 28 paisaxes de Ames estudadas no museo virtual Kaleidoscape.
Ningún comentario:
Publicar un comentario