29/01/26

Lazos de papel

Como xa informamos na anterior xuntanza, este curso,  o IESP de Ames participa por primeira vez no programa Lectura e familias,  no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), para promover a lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.A temática escollida para esta primeira edición do programa é Benestar emocional e desenvolvemento persoal.

Dentro do programa Lectura e Familias, puxemos en marcha Lazos de Papel, un proxecto colaborativo entre o Departamento de Orientación, a Biblioteca e a ANPA do centro, co obxectivo de crear lazos e vínculos entre toda a comunidade educativa a través de lecturas de diferentes temáticas e en distintos soportes.

A actividade de hoxe, titulada Benestar emocional e desenvolvemento persoal foi organizada pola ANPA e polo instituto, e realízase en dúas fases: a primeira consistiu nunha charla ofrecida tanto ao alumnado (mediante dúas sesións, unha para o alumnado de 4º de ESO a 2º de bacharelato), como as familias (nunha sesión); a segunda fase consistirá no envío ás familias de bolsas viaxeiras con propostas de lectura en diferentes xéneros e soportes arredor desa temática.

As persoas relatoras das charlas foron:

Yolanda Triñanes Pego, xefa do servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e coordinadora do proxecto Biblioterapia: Lecturas saudables

Mónica Castro Murga, médica alergóloga no Hospital de Ferrol e experta en Bioética, presentará unha proposta de lectura do xénero narrativo (Frankestein) 

Alberto Ramos Caneda, médico psiquiatra no Hospital de Santiago, introduciranos na literatura específica de cremento persoal ou autoaxuda.







Esperamos que o proxecto sexa do interese da comunidade educativa. Animádevos a participar tamén facendo suxestións de lecturas sobre benestar emocional e novas temáticas do voso interese para as seguintes sesións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario