O alumnado de 4º ESO F e de FPBásica participou, dende o mes de febreiro, nun proxecto de ciencia cidadá que emprega a aplicación de móbil gratuita Mosquito Alert. Esta é unha aplicación de ciencia cidadá que permite a colaboración de distintos actores no estudo, seguimento e control de especies de mosquitos vectores de enfermidades como dengue, Zika, chikungunya ou a febre do Nilo Occidental.
A cidadanía en xeral, o mundo científico, os axentes de saúde pública e o sector educativo teñen un papel chave no proxecto.
Calquera persoa pode enviar observacións de mosquitos, dos seus lugares de cría e de picaduras a través da aplicación. Un equipo de entomólogos expertos encárgase de validar as fotos recibidas e notificar o resultado ás persoas participantes. Finalmente, o resultado dáse a coñecer no mapa público, onde se poden consultar e descargar as observacións rexistradas dende o ano 2014. Os datos xerados son útiles para a ciencia, permitindo estudar a distribución xeográfica destas especies, así como a súa estacionalidade ao longo do ano.
A plataforma Mosquito Alert está coordinada por catro institucións públicas do ámbito da investigación científica: O Centre de Recerca Ecológica i Aplicacions Forestals (CREAF), a Universidade Pompeu Fabra (UPF), a Institución Catalá de Investigación e Estudos Avanzados (ICREA) e o Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEB-CSIC).
Para divulgar toda a información que a cidadanía precisa coñecer sobre os mosquitos, os alumnos e alumnas realizaron dous podcast. Neles fálannos das características do mosquito tigre, de como actúan, por que pican, e como transmiten as enfermidades; e tamén de como evitar que se formen puntos de cría e como protexernos das súas picaduras.


Ningún comentario:
Publicar un comentario