O alumnado de 2º de bacharelato da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia analizou como empregar os recursos de Polos creativos e da Biblioteca creativa para divulgar o patrimonio e achegalo á cidadanía.
Usando o plóter realizaron deseños para camisetas e tazas, coa cortadora láser iniciaron unha colección didáctica de follas das árbores presentes no eido do instituto, e, a través da radio, gravaron información sobre as árbores do eido para integrar nun roteiro autoguiado.
O alumnado escolleu para o logo unha pandereta, facendo referencia ao patrimonio inmaterial traballado ao longo do curso, e palabra Patri, pois é o diminutivo que o grupo usa para referirse á materia.
A realización da colección didáctica das follas das árbores do eido do centro é un proceso longo con varias fases. O alumnado recolleu as follas das diferentes especies de árbores e realizou un herbario analóxico e dixital. O herbario dixital foi convertido a formato .svg para poder importar en Inkscape. Co programa configurouse a silueta das follas que foron elaboradas en goma eva na cortadora láser. Podedes ver dous exemplos de follas: o tulipeiro de Virxinia (Liriodendron tulipifera), especie americana introducida en Galicia como árbore ornamental, e o castiñeiro (Castanea sativa), especie nativa galega. As follas foron escaneadas polo anverso e polo reverso para ter máis información sobre as características morfolóxicas e botánicas.
O grupo tamén completou a gravación de pódcasts informativos sobre as diferentes especies arbóreas do eido do centro comezada polo alumnado do curso pasado. Este curso quedou completa a parte de audio para o roteiro autoguiado NaturExplora e para o curso vindeiro realizarase un roteiro dixital interactivo no que se incluirán as gravacións.





Ningún comentario:
Publicar un comentario