05/02/26

Visita á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

O alumnado de 2º de bacharelato das materias de Xeografía e de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia, visitou un curso máis a sede da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).  A APLU é unha entidade pública adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Na APLU o alumnado foi recibido pola directora, Victoria Núñez, a subdirectora Olalla Flores e a inspectora Eugenia Deus, que acompañaron ao grupo ao longo de toda a visita. Ademais, foron atendidos por cinco inspectoras máis ao longo das diferentes actividades realizadas. Agradecemos enormemente a oportunidade que ofrece a APLU á mocidade para coñeceren de primeira man o traballo que desenvolven en relación coa ordenación do territorio, e o agarimo con que ano tras ano nos reciben.


A visita incluíu un programa completísimo: comezou cunha charla informativa sobre a axencia, o traballo que desenvolven e a importancia da participación cidadá na protección do medio ambiente e o desenvolvemento sostible.  


Continuou cun debate entre o alumnado sobre un caso práctico de desenvolvemento urbanístico.




A seguir o alumnado participou en dous obradoiros, un sobre acceso a información a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ames e outro sobre cartografía dixital, no cal o alumnado puido investigar sobre o seu propio lugar de residencia.


Despois o alumnado tivo que planificar a ordenación territorial para conseguir o desenvolvemento sostible dunha zona.


E para finalizar o grupo participou nun Pasapalabras no que puxeron a proba os coñecementos adquiridos ao longo da xornada.



E na despedida, aínda nos agardaba outra sorpresa. Victoria, Eugenia e Olalla agasallaron ao grupo cunha bolsa e unha libreta, da axencia!


Moitísimas grazas, unha vez máis, por unha xornada tan interesante e tan bonita. Esperamos voltar o vindeiro curso!

Ningún comentario:

Publicar un comentario