06/03/25

Día Internacional da Muller 2025

 O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, orixinalmente denominado Día Internacional da Muller Traballadora. Nesta data conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e o seu desenvolvemento íntegro en igualdade co home, e reivindícase esa igualdade, pois aínda non foi conseguida. 

O Día Internacional da Muller foi institucionalizado pola ONU en 1977, mais foi creada moito antes, no 1910 pola II Internacional Socialista de Traballadores e Traballadoras, seguindo a proposta de Clara Zetkin, Käte Duncker e Paula Thiede entre outras persoas.

O alumnado participou na actividade Nin fadas nin princesas, consistente en entrevistar ás familias e dar a coñecer historias relacionadas coas mulleres da familia. Deixámosvos dúas delas:


A muller da fotografía é Dolores Vázquez Mareque, a miña bisavoa, quen pertencía a unha familia humilde.

Con vinte anos, en 1933, foi a unha festa en Bastabales e coñeceu a Manuel. Namorouse del decontado e ao ano de coñecérense, e sen estaren casados, quedou embarazada.

Cando Manuel se enterou de que agardaba un fillo emigrou a América.

En 1934, a miña bisavoa, trouxo Elisardo Vázquez Mareque, o meu avó, ao mundo, e deulle os seus apelidos.

Tanto el como a súa nai foron desprezados pola familia, pois estaba moi mal visto que unha muller solteira tivera un fillo.

Aos tres anos, Manuel volveu e buscou Dolores, coa que quería casar; mais cando ela quedou embarazada de novo, volveu marchar a América sen avisar e xa non se soubo máis del.

En 1936, naceu Luisa Vázquez Mareque, quen, xunto co seu irmán, medrou sen coñecer o seu pai e coa ilusión de ter unha figura paterna.

A miña bisavóa tivo que encargarse de crialos e percorría moitísimos kilómetros diariamente para vender leite e froitas que levaba nunha cesta na cabeza.

Grazas a traballar duro puido darlle estudos aos seus fillos. Cando medraron, Luisa casou con Isidoro Rodríguez Montero e tivo con el dúas fillas, mais morreron os dous de cancro, quedando Dolores a cargo das suas netas.

Dolores faleceu aos 80 anos, tras unha vida adicada aos demais, tendo conseguido sacar a súa familia adiante soa e sen apoio de ningúen nuns tempos moi difíciles para a muller.

Historia recollida por Candela Vázquez Pérez (2º Bacharelato A)



Nesta fotografía podemos ver a miña bisavoa materna, Teresa, cando tiña por volta de 23 anos.

Ela era costureira, ademáis de coidar os seus cinco fillos. Grazas a iso, na miña familia conservamos unha máquina de coser das antigas co seu pedal de ferro.

Teresa foi unha muller maltratada polo seu marido, mais nunca perdeu o sorriso nin dubidou en tratar con agarimo todos os membros da súa familia.

Segundo a miña avoa Mercedes, nora de Teresa, esta era a muller máis boa que coñeceu na súa vida. Isto fixo que ás veces seu fillo, meu avó Antonio, quixese defendela interpoñéndose nos maltratos físicos, o que o levou a perder relación co seu propio pai, ata o punto de perder o contacto con él despois de ter marchado da casa.

A Teresa gustáballe cociñar no seu tempo libre. As receitas que lembra miña nai son as empanadillas que xantaban nas fins de semana e o marmelo que facía todos os outonos.

Ademais, Teresa destacaba entre as mulleres da súa época porque sabía nadar dende moi nova, algo que non era moi común naqueles tempos.

Teresa morreu aos 65 anos dun cancro non identificado, pois estaba xa moi avanzado no momento no que llo detectaron.

Aínda que non a coñecín, sempre lembrarei a súa historia.

Historia recollida por Elena Rodríguez Abel (2º Bacharelato A)


Deixámosvos unhas cancións relacionadas coa muller e a loita polos seus dereitos.


As fillas de Casandra grabaron o disco Acrópole centrado nas mulleres. 






Ningún comentario:

Publicar un comentario