O 23 de febreiro celébrase oDía de Rosalía de Castro,coincidindo co aniversario do nacemento da autora. Un ano máis, no centro aproveitamos para homenaxear a Rosalía e gozar da súa obra.
Desde o Departamento de Dinaminzación Lingüística o alumnado do centro participou nun acto en homenaxe a Rosalía de Castro organizado polo Concello de Ames e celebrado na Casa de Cultura. O centro presentou Rosalía infinita, partindo do poema Tecín soaia a miña tea de Rosalía de Castro e facendo dúas novas versións, unha do presente e outra do futuro. Este traballo presentouse nun vídeo realizado con intelixencia artificial.
A biblioteca, seguindo coa temática de Rosalía infinita, realizou o obradoiro Fillas de Rosalía, no que se seleccionaron poemas de diferentes poetas ao longo do tempo que se inspiraron en Rosalía e tomaron a remuda como poetas.
Tamén se levou a cabo o obradoiro Rosalía e as cantareiras, tendendo unha ponte entre a poesía de Rosalía de Castro e a poesía popular das cantareiras. Neste obradoiro realizouse unha escolma de poemas de Rosalía de Castro versionados en cancións.
Por último, coma todos os anos, o equipo da biblioteca e o bibliovoluntariado preparou unha exposición sobre Rosalía de Castro e realizou unha solta de libros de poesía, tanto da autora homenaxeada, como doutros autores e autoras.
Podedes coñecer máis sobre Rosalía de Castro vendo o filme Contou Rosalía, dirixido por Zaza Ceballos e estreado en 2018, que trata sobre a vida da poeta en Madrid. Premede aquí para ver o tráiler da película.
Para saber máis sobre a celebración do Día de Rosalía podes consultar o sitio web da Casa Museo de Rosalía de Castro premendo aquí. Este sitio web vén de incorporar, unha visita virtual á casa de Rosalía, que podedes ver premendo aquí.
Se o que vos apetece é unha andaina, podedes facer a ruta cultural As pegadas de Rosalía. Esta ruta ten como obxectivo achegar a vida de Rosalía a toda a poboación.
Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.
Deixámosvos unha ligazón a un tráiler da curtametraxa A rosa incandescente, de Anxos García, que se estreou en febreiro de 2022:
E de lectura de poesía a poesía musicada, propoñémosvos unha escolma de versións musicadas de poemas de Rosalía de Castro na que hai unha gran variedade de estilos:
Mallou: Os bos amores
Sabela: Negro caravel
Amancio Prada: Adiós ríos, adiós fontes
Carlos Núñez e Luz Casal: Negra sombra
Abe Rábade e Guadi Galego: A xustiza pola man
Narf e Uxía: Bos amores
Nayla Shami: Camiño branco (versión de Dende aquí vexo un camiño)
Ningún comentario:
Publicar un comentario