O 6 de xuño realizouse a terceira xuntanza do Club de lectura de persoas adultas do IESP de Ames, que forma parte do Club de lectura Bibliolocus. Na xuntanza foi comentado o cómic Ao som do fado, de Nicolás Barral, sobre a ditadura salazarista e a revolución dos caraveis en Portugal.
A mediadora desta xuntanza foi Margarita Olivar, quen, coa música do fado de fondo, analizou a obra tanto desde o punto de vista artístico como narrativo, e tamén nos achegou á intención e o proceso creativo do autor. Ao rematar a xuntanza quedou todo o grupo con ganas de reler a obra á luz de toda a nova información recibida.
Durante a reunión foron tratados aspectos como o carácter cinematográfico da obra, a calidade do debuxo e a importancia da cor, o protagonismo da cidade de Lisboa, o contexto histórico sutilmente insinuado, mais sempre presente, o papel da cidadanía anónima no decorrer da Historia, e os aspectos comúns entre a Ditadura Salazarista portuguesa e a Ditadura franquista española, entre outros moitos temas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario