Os alumnos e alumnas do Club de Ciencia do IES Plurilingüe de Ames participaron durante este curso académico no proxecto estatal de ciencia cidadá Mosquito Alert, organizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Este proxecto ten como obxectivo investigar e concienciar a sociedade sobre o perigo da expansión do mosquito tigre (Aedes albopictus) e como previlo.
O alumnado traballou por equipos na categoría Comunicadores Científicos e presentou nove propostas. Dúas destas iniciativas clasificáronse para a final, que tivo lugar o 14 de xuño na sede central do CSIC en Madrid, e ambas foron premiadas.
O conto Mosquitricos, creado por Elba Casal Romero, Loaira Lestón Canosa e Elisa Méndez Puentes, obtivo o 1º premio.
O vídeo Os mosquitos tigre e as súas picaduras, realizado por Alicia Gilete Rendueles, Sabela Otero Figueira e Elena Tedín Cobas, conseguiu o 2º premio.
Nesta fotografía podedes ver a Elba, Elisa e Loaira contando o conto Mosquitricos aos nenos e nenas de infantil do CEIP A Maía, científicas e científicos do futuro!
O xoves, 20 de xuño, o alumnado do Club de Ciencia realizou unha feira científica para dar a coñecer todo o traballo que fixeron en relación ao proxecto Mosquito Alert. A feira tivo lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, entre as 17:00 e as 18:00. A seguir podedes ver algunhas fotos do evento.
Dámos as grazas aos alumnos e alumnas do Club de Ciencia polo seu excelente traballo e ilusión ao longo do curso, e agardamos contar co grupo de novo o vindeiro curso. Moitos parabéns!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario