Proceso completo de observación da cría dos ferreiros abelleiros
O día 15 de marzo os alumnos e alumnas de FP Dual, 3º de ESO e 1º de ESO, das materias de Informática, Matemáticas e Xeografía e Historia respectivamente, instalaron unha caixa-niño con cámara wifi, alimentada por un panel solar, para poder facer o seguimento do proceso de cría das aves do eido do IESP de Ames.
Deixámosvos un vídeo elaborado polo profesor Gonzalo Berdeal no que podedes observar diferentes visitas feitas por unha parella de ferreirriños abelleiros (Parus major) desde o día no que foi instalada a cámara ata o día 27 de marzo. Esperamos que vos guste!!
Agora queda agardar e ver se a parella de ferreiriños se decide a criar na casiña que puxemos, mais ata chegar aquí houbo un longo proceso de investigación e experimentación desenvolvido de xeito cooperativo polo alumnado involucrado no proxecto Patio con(vida) ao londo de varios anos.
A catalogación feita en cursos anteriores das aves do eido do instituto permitiunos saber cales son as especies que consideran o eido a súa casa e tamén diferenciar os lugares que máis lle gustan.
A caixa-niño que instalamos é axeitada para aves de orde paseriforme e en concreto da familia dos páridos, polo que seleccionamos as zonas máis boscosas do eido, onde xa observaramos aves desta familia, como lugar potencial para a colocación da caixa-niño.
No curso 2020-2021 colocamos unha serie de caixas-niño coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) e esas caixas guiáronnos para atopar o lugar idóneo para situar a nova caixa. Descolgamos a caixa-niño situada no carballo máis antigo e grande da fraga do NW do eido e comprobamos que fora utilizada a primavera pasada, pois había un niño dentro e mesmo aínda quedaban restos de ovo.
Escollemos ese lugar para colocar a nova caixa e retiramos a caixa antiga e as outras caixas-niño que había na zona, así como os comedoiros, pois os páridos son aves moi territoriais e non lles gusta ter outras aves da mesma especie ao seu arredor cando están a criar.
O niño estaba formado por musgo e unhas fibras semellantes a lá. Podedes observar os restos do ovo na esquina dereita.
Á vez que fomos buscando o lugar ideal para colocar a caixa-niño, o grupo de FP Dual, guiado polo profesor Gonzalo Berdeal, valorou diferentes opcións de cámaras e tipos de conexión, e as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas tendo en conta tanto as necesidades técnicas como as medioambientais.
Unha conexión por cable permitiría realizar unha emisión constante en tempo real, mais limitaría o lugar onde a cámara podía ser colocada e, deste modo, as posibilidades de que fose usada por algunha parella de páridos. A conexión por wifi parecía a máis axeitada, mais tiñamos o problema da alimentación. Finalmente a decisión tomada consistiu en usar unha conexión wifi e un panel solar para cargar a batería.
A caixa-niño debe estar orientada cara ao N (como é este caso) ou cara ao SL, ao abeiro dos ventos e chuvias dominantes.
Podedes ver á dereita do tronco a caixa-niño orientada cara ao Norte e nas pólas da esquerda o panel solar orientado cara ao Sur para aproveitar a maior cantidade de luz solar posible.
A colocación da caixa e, sobre todo, do panel solar tivo a súa complexidade, mais en equipo conseguimos instalala. O profesor de Informática, Gonzalo Berdeal, deu charlas ao alumnado de 1º ESO sobre as cuestións técnicas da instalación e mantemento da cámara.
Agora estamos agardando impacientes para ver se a parella de ferreiriños se deciden a facer aquí o seu niño. Polo de agora deixámosvos algúns datos de interese:
Esta ave reprodúcese entre abril e xuño. O macho adoita explorar as opcións e a femia elixe o lugar que lle parece máis axeitado. A partir de que se seleccione o lugar, a femia realiza o niño con musgo, pelos, lá, raíces e plumas. Cando o niño está listo a femia pon entre seis e oito ovos, que son incubados tanto polo macho como pola femia por volta de 17 días. Cando nacen os poliños, estes son alimentados e coidados polo macho e pola femia durante aproximadamente 20 días, e a partir dese momento as crías xa están listas para abandonar o niño. Que rápido, non si? A ver se conseguimos ver todo o proceso a través da cámara!!
Seguimos observando a progresión dos ferreiros abelleiros (Parus major) na caixa. Finalmente parece que lles gustou e decidiron facer alí o seu niño!
Os ferreiriños estiveron moi atarefados traballando arreo para construír o niño. Primeiro trouxeron musgo, despois colocaron plumas e finalmente engadiron algo parecido a lá ou algodón. Á vista dá a sensación de que moi mol e esponxoso! En novembro cando abramos a caixa poderemos ver que é o que usaron exactamente.
Uns días antes de rematar a construción do niño os ferreiros decidiron quedar a pasar a noite. Aínda non sabemos se queda sempre o mesmo ou se van facendo quendas. Mirade como se fai unha boliña antes de adormecer.
E por fin chegaron os ovos!! O mércores, 10 de abril, apareceron dous oviños, e desde entón os paxariños comezaron o período de incubación.
Ás veces podemos ver os ovos e outras parecen que non están, mais están sempre alí. O que acontece é que ás veces os ferreiros abelleiros agochan os ovos entre os musgo e as plumas do niño, para que estean sempre quentiños, mesmo cando eles teñen que saír do niño. Que listos, non si?.
Nestes dous vídeos podedes ver como tapa e destapa os oviños.
Finalmente, o luns, 15 de abril, chegaron ata sete oviños!!
Deixámosvos tres vídeos: un no que podedes ver a un dos ferreiro saíndo do niño, outro no que se ve a un ferreiro entrando e un terceiro no que un ferreiro alimenta ao outro mentres este está incubando. Aínda non conseguimos ver un momento no que fagan un cambio de quenda na incubación. Se cadra non o fan dentro da caixa, mais seguiremos observando a ver o que pasa.
O período de incubación durará uns 17 días. Seguiremos informando!!
Estamos exultantes porque o día 26 de abril ás 15:30 naceu o primeiro dos ferreiriños abelleiros na caixa niño onde colocamos a cámara wifi!
Xa nos tardaba que comezaran a nacer e polas contas que botaramos xa ía sendo hora, así que cando a cámara captou o nacemento do primeiro ferreiriño puxémonos felices!
A seguir do primeiro foron nacendo os outros... pero non creades que é doado saber cantos son. Son moi pequeniños e ao estaren todos xuntiños non se diferencian ben, mais finalmente conseguimos captar a imaxe que confirma que eclosionaron os sete oviños. Nesta fotografía podedes ver sete boquiñas a pedir comida.
Deixámosvos uns vídeos para que vexades que lindos son. O primeiro recolle o nacemento da ave máis madrugadora.
No vídeo a seguir podedes ver a todas as crías sendo coidadas pola ave adulta.
O vídeo a continuación documenta o proceso de alimentación. O pai e a nai fan quendas para alimentalos e para arroupalos, mais ás veces fanno xuntiños.
Cada día vense diferenzas na evolución do grupo de ferreiriños que naceron o 26 de abril. O día 1 de maio xa empezaban a ter penuxe e o día 3 de maio xa apreciamos o nacemento das plumas nas ás dos paxariños.
Polo de agora dormen, piden comida e comen, mais aos poucos vanse fortalecendo e nuns días xa andarán con ganas de saír. Seguiremos dándovos información actualizada!
Podedes ver a penuxe negra e o inicio das ás de cores.
Neste vídeo podes ver como os pitiños alternan entre estaren tranquilos descansando, bulir de actividade pedindo comida e volver descansar e durmir.
E tamén chegaron as primeiras tristezas, pois ao longo do proceso morreron tres das sete crías. A longa borrasca entre o 27 de abril e o 6 de maio trouxo frío e falta de alimento para as crías. Agardamos que os catro pitiños que quedan poidan saír adiante.
Os vídeos a seguir son tristes, neles documéntase a retirada o 4 de maio da segunda cría morta e a retirada o 8 de maio da terceira cría morta.
Os ferreiriños seguen medrando e como parte dese crecemento, ademais de ir desenvolvendo as plumas e ir fortalecendo o seu corpo, tamén van desenvolvendo a vocalización.
Nos oito vídeos a seguir podedes ver o progreso ao longo de oito días, do día 3 de maio no que non emitían ningún son, ata o día 10 no que xa producen un son forte e parecido ao reclamo dos adultos. O son actúa como elemento cohesionador. A medida que van collendo forza, o chíos vanse acompasando nunha especie de diálogo na que os paxariños van falando por quendas. Esperamos que vos guste velos!!
E o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das letras galegas, chegou o momento dos pitiños abandonaren o niño. Estamos moi felices de ver aos tres ferreiriños que sobreviviron dos sete iniciais saíren do niño e comezaren a voar e explorar o exterior; mais tamén temos un puntiño de saudade deles. Se cadra aínda volven durmir algunha noite, ou decidirán no futuro usar a caixa niño para as súas crías. Quen sabe! Sexa como for, desexámoslles que teñan unha moi boa viaxe e vida!
O primeiro intento de saída produciuse ás 7:45, mais non tivo éxito. O primeiro ferreiro saíu ás 7:58, o segundo fíxoo ás 8:04, e o derradeiro abandonou o niño ás 8:22. Aínda que non se ve en cada un destes vídeos, os adultos acompañaron as crías en todo o proceso, entrando cada vez que saía un para axudar aos que quedaban a saíren tamén. Os catro vídeos a seguir recollen estes catro momentos:
Agradecemos a axuda de todas as persoas que nos apoiaron e se ilusionaron con este proxecto seguindo connosco o proceso de cría no instituo e desde distintas partes de Galicia e do mundo. Tamén agradecemos o asesoramento da SEO. Moitas grazas por compartirdes esta experiencia connosco!
Ningún comentario:
Publicar un comentario