21/05/22

Catalogación de aves no IESP de Ames 2021-2022

Seguimos investigando e ampliando o catálogo das aves que viven ou visitan o eido do noso instituto dentro do proxecto Patio con(vida) a convivir, dentro do Proxecto Terra, do Plan Proxecta,  e en sinerxia co PFPP, A Cultura da sostibilidade.

Durante este curso documentamos catro novas especies: A avelaiona (Strix aluco),  Chasco europeo (Saxicola rubicola), o Tordo comun (Turdus philomelus), e o Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus).

A avelaiona foi detectada por medio das gravacións nocturnas realizadas en inverno, o chasco foi visto nos cables da electricidade ao sur do eido do centro, o tordo común foi visto na fraga NW e no xardín N, e o picafollas foi escoitado na fraga do NW en primavera.

Non conseguimos aínda facer fotografías destas aves, polo que vos deixamos catro fantásticas fotografías tiradas da Wikipedia. Os autores no sentido das agullas do reloxo son Ferrán Pestaña, K.M. Hansche, Andres Trepte e Amurfalcon.

Con estas catro novas escoitas xa levamos catalogadas 26 especies.

Garza real (Ardea cinerea), Miñato común (Buteo buteo), Pombo torcaz (Columba palumbus), Avelaiona (Strix aluco), Bubela (Upupa epops), Peto verdeal (Picus viridis), Lavandeira branca (Motacilla alba), Carrizo (Troglodytes troglodytes), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Chasco europeo (Saxicola rubicola), Tordo común (Turdus philomelos), Merlo común (Turdus merula), Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus), Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus), Gabeador común (Certhia brachydactyla), Pega marza (Garrulus glandarius), Corvo pequeno (Corvus corone), Estorniño negro (Sturnus unicolor), Pardal común (Passer domesticus), Pimpín común (Fringilla coelebs), Verderolo común (Carduelis chloris), Xílgaro (Carduelis carduelis), Xirín (Serinus serinus).

Fotografías tomadas de Wikipedia, xa que polo de agora non dispomos de fotografías de aves con calidade abonda.

Case a totalidade destas aves son sedentarias, agás a Garza real (Ardea cinerea), que é invernante, polo que seguramente xa non a volveremos ver ata o vindeiro ano, e a Bubela (Upupa epops) e o Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) que chegan en primavera e quedan connosco durante o verán. 

Tedes interese en observar, documentar, coidar dos paxaros e desfrutar deles? Unídevos ao grupo de observación da natureza do centro! De momento deixámosvos unhas pistas de onde poder velos, sempre en silencio e sen molestalos!

No bosquete do NW do centro podedes ver o Pombo torcaz (Columba palumbus), Carrizo (Troglodytes troglodytes), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Tordo común (Turdus philomelos), Merlo común (Turdus merula), Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus), Gabeador común (Certhia brachydactyla), Pardal común (Passer domesticus), o Pimpín común (Fringilla coelebs), e o Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus). Pola noite tamén se pode ouvir a Avelaiona (Strix aluco).

No xardín N e NL adóitase ver Pombo torcaz (Columba palumbus), Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Tordo común (Turdus philomelos), Merlo común (Turdus merula), Pega marza (Garrulus glandarius), Pardal común (Passer domesticus) e Verderolo común (Carduelis chloris).

Nos salgueiros do W podedes desfrutar de Paporrubio común (Erithacus rubecula), Merlo común (Turdus merula), Ferreiriño azul (Cyanistes  caeruleus), Ferreiro abelleiro (Parus major), Corvo pequeno (Corvus corone), Pardal común (Passer domesticus) e Xílgaro (Carduelis carduelis).

No carballo situado ao SW podedes ver e escoitar Paporrubio común (Erithacus rubecula), Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros), Merlo común (Turdus merula), Corvo pequeno (Corvus corone), Estorniño negro (Sturnus unicolor), Pardal común (Passer domesticus), e Xirín (Serinus serinus).

Nas tuias xigantes do S do campo do fútbol agóchanse grupos de Paporrubio común (Erithacus rubecula) e Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros).

No campo de fútbol podedes ver adoito Lavandeira branca (Motacilla alba) e se tedes moita, moita sorte Bubela (Upupa epops).

O ximnasio é o lugar preferido polo rabirrubio común (Phoenicurus ochuros) para situar o seu niño.

Desde o W do instituto podedes ouvir o Peto verdeal (Picus viridis), e desde o S o Miñato común (Buteo buteo). Os cables e torre de alta tensión son un lugar acolledor para os Estorniños negros (Sturnus unicolor), e en inverno, con moita sorte, podedes ver pasar a Garza real (Ardea cinerea).


Desde o departamento de Grego, estase a traballar na etimoloxía do nome das aves, tomando como base de documentación a extraordinaria publicación Avetimología, de José Manuel Zamorano, publicado e 2022, pola editorial Omega.

Desde o W do instituto podedes ouvir e ver o Peto verdeal (Picus viridis) e ao Chasco europeo (Saxicola rubicola), no bosque e campos ao W e S do instituto, os Estorniños negros (Sturnus unicolor) nos cables e na torre de alta tensión, e en inverno, con moita sorte, podedes ver pasar a Garza real (Ardea cinerea) camiño do rego da Ameixenda.

Esta primavera tivemos unha parella de rabirrubios (Phoenicurus ochruros) aniñando no ximnasio e tamén cremos que unha parella de ferreiriños azuis (Cyanistes caeruleus) usaron unha das caixas niño que instalamos. 

A Bubela (Upupa epops) e a Andoriña (Hirundo rustica) usan os mesmos niños ano tras ano, polo que debemos coidalos e non destruílos. As aves chegan moi cansas logo da súa viaxe migratoria e se teñen que volver construír un niño novo precisan moita enerxía e tempo do que non dispoñen para poder criar na época axeitada. A seguir tedes un vídeo dunha campaña realizada pola SEO (Sociedade Española de Ornitoloxía) concienciando da necesidade de coidar as aves e os seus niños. Temos a certeza de que convosco están en boas mans!



Cada ano a SEO/Birdlife designa por votación popular unha ave para concienciar á sociedade das ameazas que sofre esa especie. A ave do ano 2022 é o Rousinol do mato (Cercotrichas galactotes), catalogada no Libro rojo de las aves de España 2021, como especie en perigo. Deixámosvos un vídeo para que saibades máis sobre el e a súa situación actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario