17/05/24

Boa viaxe ferreiriñ@s!

E o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das letras galegas, chegou o momento dos pitiños abandonaren o niño. Estamos moi felices de ver aos tres ferreiriños que sobreviviron dos sete iniciais saíren do niño e comezaren a voar e explorar o exterior; mais tamén temos un puntiño de saudade deles. Se cadra aínda volven durmir algunha noite, ou decidirán no futuro usar a caixa niño para as súas crías. Quen sabe! Sexa como for, desexámoslles que teñan unha moi boa viaxe e vida!


O primeiro intento de saída produciuse ás 7:45, mais non tivo éxito. O primeiro ferreiro saíu ás 7:58, o segundo fíxoo ás 8:04, e o derradeiro abandonou o niño ás 8:22. Aínda que non se ve en cada un destes vídeos, os adultos acompañaron as crías en todo o proceso, entrando cada vez que saía un para axudar aos que quedaban a saíren tamén. Os catro vídeos a seguir recollen estes catro momentos:





Agradecemos a axuda de todas as persoas que nos apoiaron e se ilusionaron con este proxecto seguindo connosco o proceso de cría no instituo e desde distintas partes de Galicia e do mundo.  Tamén agradecemos o asesoramento da SEO. Moitas grazas por compartirdes esta experiencia connosco!

Ningún comentario:

Publicar un comentario