19/05/24

Club de lectura de memoria democrática

 Este curso continuou funcionando o club de lectura de narrativa con temática relacionada coa memoria democrática que foi creado no curso 2021-2022, e continuamos coa iniciativa comezada o curso pasado de realizar un roteiro literario polos escenarios dunha das lecturas realizadas.

No club de lectura participaron alumnos e alumnas de 4º ESO A, C e D e foron lidos dous libros de banda deseñada:

Rafael Barral (2020): Ao som do fado. Editorial Levoir e Manel Cráneo (2023): Cinza. Adaptación de A nosa cinza, de Xabier Alcalá. Demo editorial. A lectura deste cómic foi mediada por Marina Aurora Garzón, alumna de prácticas do Mestrado en Formación do profesorado da UNED. Moitas grazas, Marina!

A primeira lectura centrouse na ditadura Salazarista en Portugal e a Revolución dos craveis. Esta lectura apetecíanos moito xa que o 25 de abril de 2024 se conmemorou o 50 aniversario desta revolución que conseguiu devolver a democracia a Portugal.


Despois de ler sobre a ditadura portuguesa volvemos a vista a Galicia a través dunha banda deseñada que recrea a obra A nosa cinza de Xabier Alcalá. No cómic cóntase a vida duns amigos desde a infancia ata a adolescencia. Ao grupo do club de lectura chamoulle a atención sobre todo o machismo da época.

Para acabar o curso decidimos ler un libro que se sitúa en Santiago de Compostela na actualidade, mais que viaxe a través do tempo para resolver un misterio. Trátase do libro de Xosé A. Neira Cruz (2021): O enigma de Santiago. Editorial Galaxia. Despois de ler o libro, o grupo participou nun roteiro literario teatralizado da novela a cargo do conta contos Serafín Marcos realizado o 30 de maio.

A rapazada pasouno en grande, asustáronse un pouco co cabaleiro templario e o obispo Xelmírez; mais despois puideron relaxarse co peregrino que os acompañou no treito final. Foi un excelente xeito de clausurar o club de lectura deste ano. Para o vindeiro curso, máis!



Ningún comentario:

Publicar un comentario