05/04/24

Club de lectura de persoas adultas da comunidade educativa do IESP de Ames

 O 14 de marzo tivo lugar a primeira reunión do Club de lectura de persoas adultas da comunidade educativa, un club formado por membros do equipo docente, integrantes do equipo non docente, familias e quen queira unirse para compartir a paixón pola leitura entre amigos e amigas.

Na xuntanza foi comentada a obra Hotel Carioca, da man do seu autor, Antón Riveiro Coello, quen compartiu co grupo o seu proceso creativo en xeral e o desta obra en particular. 

Hotel Carioca naceu na pandemia, aínda que se remonta a unha historia anterior xa que se inspira na propia biografía do autor e da súa familia extensa. 

O autor considera que esta novela diverxe en certa medida do estilo da súa obra anterior, con todo, amosa trazos inconfundibles como a musicalidade da prosa, o interese polo tratamento dos personaxes desde a carencia, a forza das mulleres, ou a conservación case arqueolóxica da riqueza léxica galega e limiana.

Os lectoras e lectoras intercambiaron impresións sobre o libro co autor e compartiron experiencias propias semellantes as narradas na novela. A charla e o debate tocaron temas como os diferentes estilos comprendidos no libro, a memoria democrática, a emigración, a mudanza na percepción dos roles de xénero, da sexualidade ou do racismo ao longo do tempo, a creatividade, o poder curativo da ficción, os lugares da felicidade perdida, os límites entre a prosa e a poesía, o papel das editoriais, as adaptacions da literatura ao cine, e o impacto da intelixencia artificial na produción artística e na sociedade en xeral. 

Paco Maldonado compartiu co grupo un fermoso poema inspirado pola novela que tamén quere compartir convosco. Podedes lelo premendo aquí.

Moitísimas grazas a Antón Riveiro Coello por adicarnos tempo xenerosa e demoradamente, e agardamos poder reunirnos con el nun futuro próximo para comentar a súa nova obra...se cadra, sobre intelixencia artificial.

Moitas grazas ás persoas integrantes deste incipiente club de lectura que agardamos que bote fondas raíces. Vémonos o 25 de abril, para falar de poesía e comentar a obra Materia, de Yolanda Castaño, cun mestre de cerimonias excepcional, o noso compañeiro e poeta, Carlos Negro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario