O día 15 de marzo os alumnos e alumnas de FP Dual, 3º de ESO e 1º de ESO, das materias de Informática, Matemáticas e Xeografía e Historia respectivamente, instalaron unha caixa-niño con cámara wifi, alimentada por un panel solar, para poder facer o seguimento do proceso de cría das aves do eido do IESP de Ames.
Deixámosvos un vídeo elaborado polo profesor Gonzalo Berdeal no que podedes observar diferentes visitas feitas por unha parella de ferreirriños abelleiros (Parus major) desde o día no que foi instalada a cámara ata o día 27 de marzo. Esperamos que vos guste!!
Agora queda agardar e ver se a parella de ferreiriños se decide a criar na casiña que puxemos, mais ata chegar aquí houbo un longo proceso de investigación e experimentación desenvolvido de xeito cooperativo polo alumnado involucrado no proxecto Patio con(vida) ao londo de varios anos.
A catalogación feita en cursos anteriores das aves do eido do instituto permitiunos saber cales son as especies que consideran o eido a súa casa e tamén diferenciar os lugares que máis lle gustan.
A caixa-niño que instalamos é axeitada para aves de orde paseriforme e en concreto da familia dos páridos, polo que seleccionamos as zonas máis boscosas do eido, onde xa observaramos aves desta familia, como lugar potencial para a colocación da caixa-niño.
No curso 2020-2021 colocamos unha serie de caixas-niño coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) e esas caixas guiáronnos para atopar o lugar idóneo para situar a nova caixa. Descolgamos a caixa-niño situada no carballo máis antigo e grande da fraga do NW do eido e comprobamos que fora utilizada a primavera pasada, pois había un niño dentro e mesmo aínda quedaban restos de ovo.
Escollemos ese lugar para colocar a nova caixa e retiramos a caixa antiga e as outras caixas-niño que había na zona, así como os comedoiros, pois os páridos son aves moi territoriais e non lles gusta ter outras aves da mesma especie ao seu arredor cando están a criar.
O niño estaba formado por musgo e unhas fibras semellantes a lá. Podedes observar os restos do ovo na esquina dereita. |
Á vez que fomos buscando o lugar ideal para colocar a caixa-niño, o grupo de FP Dual, guiado polo profesor Gonzalo Berdeal, valorou diferentes opcións de cámaras e tipos de conexión, e as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas tendo en conta tanto as necesidades técnicas como as medioambientais.
Unha conexión por cable permitiría realizar unha emisión constante en tempo real, mais limitaría o lugar onde a cámara podía ser colocada e, deste modo, as posibilidades de que fose usada por algunha parella de páridos. A conexión por wifi parecía a máis axeitada, mais tiñamos o problema da alimentación. Finalmente a decisión tomada consistiu en usar unha conexión wifi e un panel solar para cargar a batería.
A caixa-niño debe estar orientada cara ao N (como é este caso) ou cara ao SL, ao abeiro dos ventos e chuvias dominantes.
Podedes ver á dereita do tronco a caixa-niño orientada cara ao Norte e nas pólas da esquerda o panel solar orientado cara ao Sur para aproveitar a maior cantidade de luz solar posible.
A colocación da caixa e, sobre todo, do panel solar tivo a súa complexidade, mais en equipo conseguimos instalala. O profesor de Informática, Gonzalo Berdeal, deu charlas ao alumnado de 1º ESO sobre as cuestións técnicas da instalación e mantemento da cámara.
Agora estamos agardando impacientes para ver se a parella de ferreiriños se deciden a facer aquí o seu niño. Polo de agora deixámosvos algúns datos de interese:
Esta ave reprodúcese entre abril e xuño. O macho adoita explorar as opcións e a femia elixe o lugar que lle parece máis axeitado. A partir de que se seleccione o lugar, a femia realiza o niño con musgo, pelos, lá, raíces e plumas. Cando o niño está listo a femia pon entre seis e oito ovos, que son incubados tanto polo macho como pola femia por volta de 17 días. Cando nacen os poliños, estes son alimentados e coidados polo macho e pola femia durante aproximadamente 20 días, e a partir dese momento as crías xa están listas para abandonar o niño. Que rápido, non si? A ver se conseguimos ver todo o proceso a través da cámara!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario