O 7 de novembro o alumnado de 1º Bacharelato da materia de Lingua galega e literatura recibiu a visita de Alberto Mancebo, xornalista da CRTVG que acaba de estrearse tamén como escritor coa publicación da súa primeira novela: O que me quedaba por dicirche.
O xornalista e escritor ilustrounos sobre o proceso de creación dun informativo, como se evitan as noticias falsas ou o tratamento que os espectadores debemos darlle á información que recibimos desde os distintos medios. Ademais, dado que traballou durante cinco anos como correspondente no Porto, falounos da súa experiencia laboral en Portugal e deunos a súa visión sobre a integración dos galegos e o galego no mundo lusófono.
Resultou unha visita moi agradable e proveitosa que para o curso que vén repetiremos con máis tempo, pois foron moitas as cuestións que non puidemos abordar.
Animádevos a ler o libro que xa está dispoñible na nosa biblioteca cunha bonita dedicatoria do autor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario