20/11/23

Antón Abalo Santamarina premiado no VI Certame de imaxes do patrimonio

Os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia participaron durante o curso pasado no VI Certame de Imaxes do Patrimonio organizado pola asociación Ponte...nas ondas!. Este certame premia fotografías representativas do patrimonio material e inmaterial enviados por alumnos e alumnas de centros educativos de Galicia e PortugalAquí podedes ver todas as fotos premiadas nesta edición, e aquí todas as participantes, entre as que se atopan as enviadas desde o IESP de Ames.

Os premios do certame foron anunciadas o 13 de setembro  e unha das fotografías gañadoras dunha mención de honra pertence ao alumno do noso centro, Antón Abalo Santamaría, que está actualmente a cursar 1º de Bacharelato en Estados Unidos.

A fotografía premiada enviada por Antón titúlase O meu tataravó, e a seguir podedes vela e ler a historia de José Ábalo, que aparece no retrato, narrada polo seu tataraneto Antón Abalo. Moitos parabéns, Antón, polo traballo e o premio e tamén ao todo o resto de alumnos e alumnos do centro que participaron no certame!!

O meu tataravó chamábase José Abalo Paulos e naceu en 1883 na parroquia de Cea, en Vilagarcía, onde creceu indo a escola e alimentando a súa intelixencia, curiosidade e paixón pola literatura.

Traballou como aprendiz dun mestre construtor alemán, adicando a súa vida profesional á construción. Entre outras obras nas que traballou destaca o edificio do Gran Hotel da Illa da Toxa e a singular ermida do Carme existente nesa illa , “A capela das cunchas”. Nesta última traballou colocando as cunchas de vieira que se utilizaban para recubrir e impermeabilizar as fachadas.

Compaxinaba a vida laboral coa súa paixón pola poesía, que escribía no tempo libre.

En Vilagarcía coñeceu á miña tataravoa, serventa interna nunha casa rica, coa que casaría en 1919, trasladándose ambos a Cabo de Cruz (Boiro), de onde ela era orixinaria, e onde establecerían a súa familia con dez fillos.

Todo mudou cando, traballando, sufriu un accidente que o danou na cabeza e o imposibilitou para traballar. Aínda así, para manter a súa familia mercou unha gamela e comezou a pescar como unha afección coa que sacar uns cartos.

Tamén continuou aprendendo e informándose (estivo subscrito ao Faro de Vigo, que lle chegaba semanalmente no vapor). Así, comezou a falar de ideas innovadoras para a súa época e contorno, como a posibilidade de “fabricar un aparato para escoitar e ver a xente que estivera en Madrid”. Morreu con 80 anos en Cabo de Cruz.

O día 17 de novembro levouse a cabo a cerimonia de entrega de premios no Salón Marie Curie do edificio politécnico da Universidade de Ourense. Jairo Barreiro Brea, alumno de 1º de bacharelato, recolleu o premio en nome de Antón Abalo Santamaría e leu a historia da fotografía para o auditorio. Jairo estivo acompañado por 18 compañeiros e compañeiras de 1º de bacharelato que tamén participaron no certame.

Ningún comentario:

Publicar un comentario