Os alumnos e alumnas de 1º ESO da materia de Xeografía e Historia realizaron un estudo dos elementos patrimoniais desde a Prehistoria ata Alta Edad Media nos tres camiños de Santiago que pasan polo municipio de Ames e logo seleccionaron os máis representativos.
Esta investigación desenvolveuse ao abeiro do proxecto Educación patrimonial do Plan Proxecta.Tamén se empregaron recursos facilitados polo proxecto Polos creativos, ambos da Consellería de Cultura, Educación e Universidades.
Os alumnos e alumnas achegáronse na aula ao coñecemento do concepto de patrimonio e as súas técnicas, ferramentas e disciplinas e complementaron este achegamento coa lectura do cómic Triana y la Arqueología, de Leticia Tobalina Pulido e Setefilla Jiménez Velasco, e publicado polo Incipit, CSIC. Ao alumnado gustoulle moito a banda deseñada e atoparon as explicacións moi claras.
Ao longo do curso estudaron por grupos diferentes elementos do patrimonio prehistórico e da Historia antiga de Ames vinculado aos seus tres camiños de Santiago. Ao rematar o estudo seleccionaron os elementos máis relevantes. Do Camiño portugués seleccionaron o contorno natural da depresión Padrón-Tui e o val da Mahía, o castro Lupario, coñecido tamén como Castro de Beca, Castro de Faramellos ou Castro de Francos e a vía romana XIX. Do camiño a Fisterra seleccionaron os petróglifos de O Castelo e Peneda Negra, a Ponte Maceira e o topónimo Suevos. Do Camiño de Muros-Noia seleccionaron o petróglifo da Nave de Mourigade.
Ademais os alumnos e alumnas participaron en dous obradoiros de cultura material, un sobre material lítico Paleolítico e outro sobre material cerámico desde o Neolítico ata a Idade Media. Agradecemos ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), do CSIC a disponibilización do material da súa colección didáctica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario