O día 29 de abril celébrase o Día Internacional da danza. Esta conmemoración foi establecida pola UNESCO en 1982 coincidindo co día de nacemento do bailarín e coreógrafo Jean-Georges Noverre.
O obxectivo deste día é homenaxear a danza como unha arte universal e promover o coñecemento e desfrute desta manifestación artística e de patrimonio inmaterial.
Cada ano a danza vai gañando máis presencia no noso centro e por iso este curso decidimos dedicar todo o mes de abril á danza e á música, con diferentes actividades promovidas ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial, Proxecto Deportivo do Centro e ProxectoTerra, todos eles do Plan Proxecta.
Nesta táboa podedes ver todas as actividades propostas en relación co Día internacional da danza:

Historia con ritmo latino: Os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B da materia de Xeografía e Historia comezaron o xoves, 13 de abril, co obradoiro de roda cubana da man do profesor Gonzalo Berdeal. Despois de catro sesións de obradoiro os alumnos e alumnas realizaron unha actuación no ximnasio do instituto o día 29 de abril. Gonzalo contaxiou de tal modo aos alumnos e alumnas da súa paixón pola salsa que estes quixeron continuar a aprender máis alá da actividade inicial e seguen a recibir clases durante o primeiro recreo dos venres. Neste vídeo podedes ver ao grupo en acción.
De danza social a danza escénica: O mércores, 19 de abril, os alumnos de
4º ESO A e B da materia de Xeografía e Historia cambiaron de estilo e experimentaron coa
danza contemporánea guiados pola profesora de danza
Loli Fojón, da
Academia LoDanzas. Loli creou un ambiente máxico no grupo a través das súas explicacións e a coreografía proposta. Podedes ver
aquí o resultado.
Let's swing!: O luns, 24 de abril, os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B, da materia de Xeografía e Historia, viaxaron aos anos 30 participando nun obradoiro de baile swing. O obradoiro correu a cargo do profesor de swing Carlos Tomico, da Academia Alfaia e os alumnos e alumnas viñeron caracterizados para a ocasión.
Danzas da vila e danzas da corte: O día 26 de abril, os alumnos e alumnas de 3º de ESO A e B participaron nun obradoiro de danza medieval, renacentista e barroca conducidos pola profesora de danza Loli Fojón, da Academia LoDanzas. Os alumnos e alumnas tenderon unha ponte entre o pasado e o presente recreando e mantendo vivas tanto danzas populares como pacegas.
Ao son da prehistoria: Os alumnos e alumnas de 2º de ESO da materia de Música investigaron da man da profesora Sonia Rohrer sobre a evolución da música na Prehistoria. Antes de que existira a linguaxe o que houbo foi o canto e a percusión corporal e foi evoluíndo coa introdución de obxectos e finalmente os instrumentos. Para recrear a música na prehistoria prepararon tres cancións, dúas de percusión corporal unicamente e unha terceira na que se introduce percusión de obxectos. Unha vez preparada a música realizaron unha actuación o 28 de abril para toda a comunidade educativa.
Esta noite foliada!: O 2 de xuño realizamos a derradeira actividade do ciclo de celebración do Día internacional da danza. Esta actividade consistiu nunha
foliada de baile tradicional galego na que participaron os alumnos e alumnas de
4º de ESO da materia de
Educación Física e
profesores e profesoras do centro. Pasou o recreo voando entre danzas e música! Premede
aquí se queredes ver unha mostra da actuación do profesorado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario