O pasado venres 11 de febreiro dúas alumnas do IESP de Ames de 1º bacharelato A e C, Nayra e Adriadne, asistiron á Masterclass de Física de Partículas que tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta actividade está incluída na celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia e consistiu nunha clase de maxistral arredor da física de partículas e a realización dunha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). Por último discutíronse os resultados mediante videoconferencia co CERN e outros centros europeos que realizaron a xornada simultaneamente.
Os obxectivos da actividade son, por unha banda, poñer ás alumnas en contacto co traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así a labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas.
Ao tempo, a xornada busca pór de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes cultura, país, clase, etnia e condición fixeron grandes aportacións á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar. Cara a este fin, tamén se fixo unha pequena charla-coloquio de historias de mulleres científicas invisibilizadas, que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras que estas tiveron (e teñen) que facer frente ó longo da carreira científica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario