O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do nacemento da autora. Un ano máis, no centro aproveitamos para homenaxear a Rosalía e gozar da súa obra.
O Departamento de Dinamización Lingüística do centro propuxo a actividade Flores para Rosalía.
Esta actividade, na que participaron os alumnos e alumnas de 1º de ESO e 2º de bacharelato, consistiu en crear unha antoloxía poética con fragmentos da obra de Rosalía de Castro que fagan referencia a plantas, acompañando eses fragmentos cun herbario das plantas mencionadas.
O día 23 de febreiro realizouse unha exposición dos poemas e do herbario no espazo Maruxa Mallo e unha lectura colectiva de poemas da autora. O acto estivo presentado pola alumna Paula Vilas, de 1º de bacharelato.
O día 23 de febreiro, tamén se puido degustar un caldo de gloria, na cafetería do instituto, en homenaxe a Rosalía de Castro.
Agradecemos a Diana Pastoriza e á ilustradora Mónica Terteres por ternos preparado unhas fermosas postais personalizadas co tema da nosa actividade a Rosalía deste curso: Flores para Rosalía.
Para Coñecer mellor a obra de Rosalía, podedes achegarvos ver a exposición de bibliografía e filmografía dispoñible no espazo Maruxa Mallo no primeiro andar en fronte da biblioteca. Non dubidedes en reservar calquera das interesantes obras que alí se expoñen.
Para saber máis sobre a celebración do Día de Rosalía podes consultar o sitio web da Casa Museo de Rosalía de Castro premendo aquí. Este sitio web vén de incorporar, unha visita virtual á casa de Rosalía, que podedes ver premendo aquí.
Se o que vos apetece é unha andaina, podedes facer a ruta cultural As pegadas de Rosalía. Esta ruta ten como obxectivo achegar a vida de Rosalía a toda a poboación.
Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.
Se queres saber máis sobre esta ruta podes ir ao sitio web oficial da ruta e tamén premer aquí, aquí e aquí.
E de lectura de poesía a poesía musicada, propoñémosvos unha escolma de versións musicadas de poemas de Rosalía de Castro na que hai unha gran variedade de estilos:
Mallou: Os bos amores
Sabela: Negro caravel
Amancio Prada: Adiós ríos, adiós fontes
Carlos Núñez e Luz Casal: Negra sombra
Abe Rábade e Guadi Galego: A xustiza pola man
Narf e Uxía: Bos amores
Nayla Shami: Camiño branco (versión de Dende aquí vexo un camiño)
Evoeh: Ora, meu neniño, ora
Dioivo: Sempre pola morte esperas
Ningún comentario:
Publicar un comentario