07/02/22

A historia do instituto nos muros do edificio

Sabías que observando as paredes, o piso, as portas, as texturas e cores dun edificio podemos aprender moito da súa historia? Iso é o que estiveron a facer os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Historia Contemporánea e os alumnos e alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía e aprenderon moitas cousas que non sabían sobre a historia do IESP de Ames.

O estudo da historia do instituto e do seu valor patrimonial xa comezo o curso pasado e continuamos levándoo a cabo durante este curso ao abeiro do programa Educación Patrimonial, do Plan Proxecta.

O curso pasado identificamos pegadas da ampliación do edificio do instituto ao longo do tempo coa construción do anexo, a construción de aulas nos antigos patios cubertos ou do obradoiro de tecnoloxía no antigo porche que daba ao ximnasio.

Durante este curso identificamos máis trazos da ampliación do instituto, como o mosaico da aula 35 que formaba parte da parede exterior do edificio e quedou integrada dentro da clase como muro traseiro cando se construíron as aulas no antigo patio cuberto. Esta ampliación debeuse ao aumento do alumnado por crecemento demográfico de Ames.




Tamén identificamos evidencias de cambios máis recentes, como a construción do Desdobre 4 no antigo escenario do salón de actos. Estas evidencias vense na existencia dunha porta en altura, no canto de estar a ras do piso. Estes cambios debéronse, como sabedes, á necesidade de crear máis aulas por mor das distancias interpersoais requeridas segundo o protocolo fronte á pandemia de Covid-19.

Para esta actividade contamos coa axuda de Martín Barreiro, de Estudio Rurban, quen tamén realizou uns planos do edificio do centro.


Animámosvos a que sigades investigando e identificando pegadas dos cambios do edificio ao longo da historia. Xa veredes que interesante vos resulta!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario