Comezamos co segundo ano de traballo no proxecto Patio con(vida) a convivir, e iniciamos un novo ciclo de observación, estudo, conservación, dinamización e mellora do eido do noso centro para facelo máis sostible tanto a nivel ambiental como social e convertelo nun lugar de convivencia para toda a comunidade educativa.
Este proxecto estase a realizar ao abeiro do Proxecto Terra, do proxecto Centro saudable, e do proxecto Educación Patrimonial, todos dentro do Plan Proxecta. Tamén está relacionado co PFPP do centro, IESP de Ames, un espazo sostible e seguro, e coa temática das bibliotecas escolares deste curso: A biblioteca escolar toma a palabra.
Este curso seguirán participando no proxecto alumnos e alumnas desde 1º de ESO ata 2º de bacharelato que farán achegas desde diferentes materias tales como Bioloxía e Xeoloxía, Economía, Educación física, Educación plástica, Física e Química, Grego, Lingua galega e literatura, Lengua castellana y literatura, Matemáticas e Xeografía e Historia, co apoio da biblioteca do centro.
Os alumnos e alumnas xa están documentando e estudando a natureza do centro. Comezamos un novo ciclo de observación meteorolóxica, tamén estamos documentando especies de flora e fauna que non viramos o curso anterior, ou consolidando a información do curso pasado, e iniciamos novos proxectos.
Este ano estamos documentando como novidade con respecto ao curso pasado unha morea de fungos, localizados sobre todo na fraga do NW e no xardín N.
Os alumnos e alumnas de 1º de ESO G da materia de paisaxe tamén prepararon a exposición O outono no IESP de Ames que podedes visitar no espazo Maruxa Mallo do segundo andar, ao lado da porta da sala de profesores. Podedes ver diferentes libros relacionados co medioambiente e tamén intentar responder ás diferentes preguntas sobre os elementos da natureza da vitrina. Para a vindeira semana poremos as solucións!
Ningún comentario:
Publicar un comentario