10/11/21

Por san Martiño... peóns ao camiño!

Seguimos coas celebracións de outono, do fin das colleitas e da preparación para o inverno con días máis curtos e tempo máis frío que xa comezamos co 1 de novembro.

O 11 de novembro é o día no que se celebran os magostos, pero antigamente os magostos tamén se facían o 1 de novembro. Como as castañas non tiñan tempo a madurecer para o 1 de novembro, retrasouse a data de celebración ata o día 11. 

Agora xa hai castañas desde outubro, mais iso débese a que moitos dos castiñeiros que se plantan agora son híbridos do castiñeiro galego con outros castiñeiros mediterráneos que resisten mellor a enfermidade da tinta e producen o froito antes.

O día 11 de novembro tamén é o día no que tradicionalmente se comezaba a xogar aos trompos, peóns ou buxainas, tal e como recolle o ditos Por San Martiño, peóns ao camiño

Como moitos xogos tradicionais, os peóns xogábanse estacionalmente, nunha determinada época do ano. 

O refraneiro tradicional galego recolle moi polo miúdo a temporalización ao longo do ciclo anual da tempada de xogo cos trompos. Ademais do refrán que mencionamos máis arriba, hai moitos outros: Polo Santo André, trompos outra vez (30 de novembro); polo San Amaro, peóns ao faiado (15 de xaneiro); polo Santo Antón, peóns ao caixón (17 de xaneiro); pola Santa Olalla, peóns á borralla (12 de febreiro).

Para seguir a tradición, o departamento de Educación Física celebrou este día convidando a toda a comunidade educativa a bailar os trompos no ximnasio. Esta actividade tivo lugar ao abeiro do Plan Proxecta, da Consellería de Educación.

Premede aquí para ler o manifesto do día do peón 2021, e aquí para escoitar o manifesto lido por Xurxo Souto, e aquí para ver un vídeo dos alumnos e alumnas bailando os peóns.

Tamén podedes consultar aquí, a publicación dixital do Consello da Cultura Galega, sobre xogos tradicionais galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario