08/02/21

A Candeloria e San Valentín

Aínda que o que leva a sona como día do amor é o día de San Valentín o 14 de febreiro, na tradición galega xa se celebraba o amor e a vida o día da Candeloria o 2 de febreiro.

Na candeloria realízase a festa das candeas, para celebrar que o inverno chegou á metade, que empezan a medrar os días e que a natureza comeza a espertar de novo a vida despois do descanso invernío. O espertar da vida na natureza vese en que comezan a abrir os gromos, a florear algunhas plantas ou a xuntárense as parellas de paxaros preparándose para a época de cría. 


Fotografía tomada do Portal das palabras

Hai moitos refráns populares relacionados con este día que seguro que coñecedes como o de Se a candeloria chora, medio inverno vai fóra. Que chore ou que deixe de chorar medio inverno está por pasar, ou A partir da candeloria ningunha ave voa soa

Este é un bo momento para parármonos a observar a natureza ao noso arredor. Non fai falta que vaiades lonxe. Podedes facelo no patio do noso instituto. As árbores xa están empezando a agromar e hai novas plantiñas floreando. E tamén hai paxaros, claro! Aínda que co rebumbio nos recreos agóchanse e non é doado velos, reparade en que cada vez están máis cantareiros e de cores máis vistosas pois comezou a época de apareamento.

No noso eido empezan a aparecer as primeiras margaridas (Bellis perennis) e tamén vimos unha nova ave, o xirín (Serinus serinus) que unimos ás 7 especies que catalogamos no outono.



Fotografía tomada de Wikipedia, entrada do Xirín común.

Dentro do centro podedes visitar na sala Maruxa Mallo a exposición con diferentes lecturas e películas relacionadas co amor nas súas diferentes manifestacións e desde diferentes perspectivas propostas pola biblioteca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario