18/06/20

Historias do presente

Coa pandemia de covid-19 tivemos que suspender os proxectos de historia oral nos que entrevistabamos á xeración dos avós e avoas e bisavós e bisavoas; pero con ela xurdiron tamén novas oportunidades, como a liña de Historia do presente que puxeron en marcha durante o terceiro trimestre os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia, na que as persoas entrevistadas foron os pais e nais cos que os alumnos compartían confinamento.

Esta investigación desenvolveuse ao abeiro do proxecto Educación Patrimonial, do Plan Proxecta, que este ano dedicamos ao estudo da época contemporánea en Ames. Unha das variantes desta investigación foi a actividade Historias do confinamento, que podedes ver tamén neste blog, na que foron os propios alumnos e alumnas as que se converteron en testemuñas da historia.

Os temas que máis atraeron a atención do alumnado para investigar cos seus pais e nais foron: O desastre do Prestige, o narcotráfico, ETA e o terrorismo, a movida dos 80, o efecto 2000, a crise económica de 2008, o comezo da TVG, os atentados do 11S en Nova York e os atentados do 11M en Madrid. Nas fotografías de abaixo seguro que recoñecedes algún destes temas.

Como sempre, podedes ver os resultados da investigación no museo virtual KaleidoScapes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario