O Departamento de Dinamización Lingüística do centro proponvos a actividade //ProfesamosRosalía. Esta actividade consiste en que os profesores e profesoras lean un texto de Rosalía ao alumnado e, se queren, que o graven e suban o vídeo ás redes co cancelo //profesamosrosalía, //IESAmes.
Para facilitar a realización desta actividade, os profesores e profesoras tedes unha cesta con libros de Rosalía na sala de profesores á vosa disposición, aínda que tamén pode traer cada persoa o seu propio libro se dispoñer del na súa biblioteca particular.
Podedes ler textos tanto poéticos como en prosa. Premendo aquí podedes ler o manifesto Lieders de Rosalía de Castro que se cadra non coñeciades.
Animádevos a apaticipar na actividade e encher o centro de poesía nunha data tan especial!
Non deixedes de ver o vídeo A Estrela Rosalía preparado pola profesora Pepa Gamarra sobre a estrela nomeada en honra de Rosalía de Castro.
O centro participou por medio do Equipo de Normalización Lingüística na homenaxe a Rosalía de Castro organizada polo Concello de Ames. Durante esa homenaxe foi inaugurado o mural realizado polo artista Yosema PM, a escritora Anna Figueiredo leu o manifesto da AELF, e alumnos e alumnas do IESP de Ames e o IES de Milladiro leron poemas de Rosalía de Castro. Alberte Carballo, Juan Cañizo e Lorena Fuentes, de 4º de ESO, deron voz a Rosalía en representación do noso centro.
E de lectura de poesía a poesía musicada, propoñémosvos unha escolma de versións musicadas de poemas de Rosalía de Castro na que hai unha gran variedade de estilos:
Mallou: Os bos amores
Sabela: Negro caravel
Amancio Prada: Adiós ríos, adiós fontes
Carlos Núñez e Luz Casal: Negra sombra
Abe Rábade e Guadi Galego: A xustiza pola man
Narf e Uxía: Bos amores
Nayla Shami: Camiño branco (versión de Dende aquí vexo un camiño)
Evoeh: Ora, meu neniño, ora
Dioivo: Sempre pola morte esperas
Para achegarnos á obra de Rosalia podedes visitar a exposición de bibliografía e filmografía sobre a obra da autora no espazo Maruxa Mallo no primeiro andar en fronte da biblioteca. Non dubidedes en reservar calquera das interesantes obras que alí se expoñen.
Para saber máis sobre a celebración do Día de Rosalía podes consultar o sitio web da Casa Museo de Rosalía de Castro premendo aquí.
Os concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago de Compostela veñen de crear a ruta cultural As pegadas de Rosalía. Esta ruta ten como obxectivo achegar a vida de Rosalía a toda a poboación.
Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo
intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares
emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.
Se queres saber máis sobre esta ruta podes ir ao sitio web oficial da ruta e tamén premer aquí, aquí e aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario