Namorarse dun libro ou dunha persoa pode entenderse como un proceso análogo. Son moitas as ocasións nas que tras namorarse do físico abraiante (unha fermosa carátula), atopas que no interior todo son vagas verbas encamiñadas ao tedio; outras coñeces a alguén que non che resulta especialmente atractivo nunha primeira impresión (algún libriño vello de segunda man, atopado nun rastro de cidade) pero que tras das conversas e o pasar ameno das horas, acaba mudada nunha longa historia. Con fin, claro, que todos os libros rematan, pero lonxano, mesmo oportuno.
San Valentín voa esta semana por riba da biblioteca Carlos Nieto, lanzando frechas con puntas de verbas escritas, esceas de cine e melodías gravadas (seleccionadas polo namorado alumnado de 4º ESO D), todas tinguidas do amado verbo amar, de tanta e tan variada conxugación (a mesmiña que calquera outro verbo, pero moito cunde!).
Non temas caer nas fauces do namorador e achégate á biblioteca para ver, tamén, unha pequena e romántica exposición de libros, películas e mesmo ilustracións. Todas con moito corazón!
Ningún comentario:
Publicar un comentario