18/11/20

Actividades en relación co 25 de novembro, Día internacional pola eliminación da violencia contra a muller

O 25 de novembro participamos unha vez máis no Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres. Este ano non podemos levar a cabo ningunha actividade conxunta por mor da pandemia de covid-19, mais o IES de Ames convida a toda a comunidade escolar a participar en varias accións conmemorativas que poñan de manifesto o noso compromiso coa igualdade de xénero e o rexeitamento máis absoluto de todas as formas de violencia machista.

Para o mércores 25 de novembro de 2020 propoñemos as seguintes actividades:

De uñas contra a violencia de xenero: Pinta as unllas das mans con dúas cores simbólicas: unha man de negro, para expresar a solidariedade con todas as mulleres vítimas da violencia; outra man de lila, para expresar o compromiso co feminismo como motor do cambio social a prol da igualdade. Durante toda a xornada, mantén pintadas as unllas como protesta contra toda esa violencia que aínda persiste. Se te animas, tamén podes subir unha fotografía ás redes sociais coas túas mans e cos cancelos #iesames #deuñascontraaviolenciadexénero. Tamén podes ver vestidos de cor negra e lila.


Paremos a violencia contra a muller: Co teu móbil, faite un selfie xunto ao sinal colocado diante da entrada do centro: STOP ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS. Ao longo do día 25 de novembro, sube ás túas redes sociais esa fotografía, acompañada dos cancelos #iesames #stopviolenciasmachistas.


O sinal á entrada do centro (Foto de Carlos Negro).


Chío contra a violencia de xénero: Se es alumna ou alumno da ESO, participa no concurso de lemas contra a violencia machista organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca do centro, baixo o título de CHÍO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Tes ata o martes 24 de novembro para presentar o teu chío, coas seguintes condicións:

- Debe estar escrito en lingua galega (máximo 140 caracteres).

- Debe ser breve e orixinal, non copiado de ningunha fonte externa

- Debe expresar a crítica e/ou denuncia da violencia de xénero

Valorarase especialmente que se centre no ámbito da prevención da violencia de xénero na mocidade

Haberá dous chíos gañadores: un para 1º/ 2º ESO e outro para 3º/ 4º da ESO. As persoas premiadas recibirán un lote de libros relacionados coa temática da igualdade de xénero.

Os chíos deberán depositarse dentro dunha urna colocada á entrada da Biblioteca do centro, e irán acompañados dun sobre pechado onde figure o nome completo e curso da alumna/o participante.

Os premios anunciaranse na biblioteca no segundo recreo do mércores 25 de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario