O club de cancións, composto por alumnas de 3º e 4º de ESO, realizou unha escolma de cancións que tratan o tema do feminismo e da violencia contra a muller.
Esta escolma foi recollida na exposición Cancións violetas contra a violencia machista, situada nas escaleiras que van do primeiro ao segundo andar, na que sobre a silueta dunha violeta as rapazas escribiron estrofas desas cancións. Agradecemos a axuda de todo o alumnado de 3º ESO B que axudou a pegar as violetas.
O club de cancións tamén realizou uns adhesivos co lema Son libre que distribuíron entre toda a comunidade educativa
Os alumnos e alumnas da materia de Igualdade de xénero realizaron a actividade #Eu non son cómplice. Esta actividade buscou a implicación masculina na concienciación e loita contra a violencia machista.
Nun mural situado no espazo Maruxa Mallo, os alumnos escribiron frases de creación propia na que manifestaban non ser cómplices da violencia machista.
Tamén no espazo Maruxa Mallo, expúxose un cártel con fotos
dos diferentes profesores do centro expresando o seu rexeitamento a
seren cómplices da violencia machista.
Por último, toda a comunidade educativa se xuntou no patio para ler o manifesto #Eu non son cómplice co profesor Carlos Negro.
A Asociación de Nais e Pais do alumnado do centro (ANPA) organizou a exposición Fotografías pola igualdade, situada no espazo Maruxa Mallo. Esta exposición amosa as obras premiadas no I Concurso de ANPAs de Compostela.
Os alumnos e alumnas de todos os grupos e cursos do centro traballaron cos seus titores e titoras na actividade Lemas contra a violencia machista. Esta actividade tivo catro partes: a elección do lema, a elaboración e distibución de pulseiras co lema de cada aula, a exposición dos lemas e a realización e exposición de debuxos inspirados nos diferentes lemas.
Os alumnos e alumnas de cada grupo crearon o seu lema e realizaron pulseiras con ese lema. Estas pulseiras distribuíronse entre o alumnado da aula o día 25 de novembro.
O conxunto dos lemas traballáronse na materia de Debuxo e foron recollidos e reinterpretados nunha recreación dun indicador de direccións e en debuxos que se expuxeron na entrada e primeira planta do centro.
Na porta principal do centro estiveron ao voso dispor as exposicións Poemas e Violencia de xénero nas artes, preparados polos alumnos e alumnas de Debuxo.
No recibidor do centro realizouse a exposición Mulleres asasinadas que, como todos os cursos académicos, homenaxea ás mulleres asasinadas no ano correspondente. Cada silueta representa a unha muller asasinada e vai acompañada dunha cartela cunha breve biografía da persoa.
Os alumnos e alumnas de Matemáticas analizaron os datos relacionados coa violencia de xénero e prepararon a exposición A violencia de xénero en números que puidestes visitar na entrada do centro.
O día 25 de novembro, os alumnos e alumnas de 1º da ESO realizaron unha Performance en homenaxe ás mulleres asasinadas durante o ano 2019. A seguir, alumnos e alumnas de 1º de bacharelato realizaron unha coreografía da canción Color esperanza, de Diego Torres. Finalmente os mozos e mozas das materias de Educación Física e Debuxo fixeron bailar buxainas na actividade Bailando libres.
As buxainas, decoradas polo alumnado, foron expostas na entrada do centro.
A Biblioteca recompilou e expuxo unha escolma de libros e películas sobre feminismo e igualdade de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario