O vindeiro 12 de agosto terá lugar unha eclipse total de Sol, visible desde algunhas zonas de Galicia, aínda que non será posible facelo desde Bertamiráns, onde só se poderá observar a eclipse parcial. O fenómeno producirase a última hora da tarde, arredor das 20:30, cando o Sol se atope a uns 12º sobre o horizonte. A través do portal do Instituto Geográfico Nacional pódese consultar con detalle desde que lugares será visible e o horario previsto.
Coa vista posta neste acontecemento astronómico, o alumnado do Club de Ciencia estivo a traballar durante os meses de maio e xuño para formarse como Guías da Eclipse, empregando os materiais proporcionados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional dentro do proxecto Polos Eclipsados.

Tras unha primeira sesión de formación teórica, centrada en aprender a observar unha eclipse de maneira segura, o alumnado pasou á parte máis práctica do proxecto, desenvolvida na aula de Polos Creativos. Alí realizaron as seguintes actividades:
A Eclipse na túa man
O alumnado imprimiu coa impresora 3D as pezas dunha maqueta da eclipse e montouna incorporando un pequeno circuíto cun LED que simulaba a luz do Sol (aquí pódense ver os vídeos da impresión dalgunhas pezas da maqueta). Grazas a este modelo puideron observar como, cando o Sol, a Lúa e a Terra se aliñan, a sombra da Lúa se proxecta sobre unha zona concreta da superficie terrestre.

Esta actividade permitiulles comprender mellor o fenómeno e prepararse para explicarllo ao público, converténdose en auténticos divulgadores científicos de cara ao evento do verán.
O ceo na túa man
A noite do 12 de agosto será unha excelente ocasión para observar as Perseidas, xa que o ceo estará especialmente escuro debido á presenza de lúa nova. Para velas, deberemos mirar cara ao norte, onde se atopa a constelación de Perseo. Podemos localizala facilmente buscando primeiro a Estrela Polar, situada na constelación da Osa Menor. Unha vez identificada, só teremos que dirixir a mirada cara ao nordés e, cando os nosos ollos se adapten á escuridade, comezaremos a distinguir as estrelas fugaces.
Co obxectivo de facilitar o recoñecemento dalgunhas constelacións, o alumnado do Club de Ciencia elaborou nesta actividade un cubo de cartolina no que se imprimiron varias delas nas súas caras. No interior, montaron un pequeno circuito cun LED e cinta condutora, que permite iluminar os puntos correspondentes ás estrelas e visualizar como brillan no cubo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario