Este curso, o IESP de Ames participa por primeira vez no programa Lectura e familias, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), para promover a lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.A temática escollida para esta primeira edición do programa é Benestar emocional e desenvolvemento persoal, e en relación con esta temática, han ser realizadas diferentes actividades ao longo do curso.
O xoves, 11 de decembro, ás 17:00, tivo lugar na biblioteca do IESP de Ames a primeira charla do programa, titulada Como acompañar as adolescencias actuais desde a regulación emocional e a saúde mental no fogar. Esta charla foi impartida polo psicólogo Iván Baliña Rodríguez, do equipo Coidadosamente, e estivo dirixida ás familias e persoas titoras do alumnado do IES Plurilingüe de Ames. Nesta actividade particparon 28 familias.
Animamos a todas as familias a asistir e participar activamente nas diferntes propostas formativas e a facer suxestións de actividades que consideren de utilidade para o benestar emocional do alumnado, as familias e a comunidade educativa.
Dentro do programa Lectura e Familias, puxemos en marcha Lazos de Papel, un proxecto colaborativo entre o Departamento de Orientación, a Biblioteca e a ANPA do centro, co obxectivo de crear lazos e vínculos entre toda a comunidade educativa a través de lecturas de diferentes temáticas e en distintos soportes. Durante este curso as bolsas viaxeiras de Lazos de papel tratarán sobre a temática de Lectura e familias deste ano académico: o benestar emocional e o desenvolvemento persoal.
O 15 de decembro tivo lugar a actividade titulada Benestar emocional e desenvolvemento persoal, organizada pola ANPA e polo instituto. Esta actividade realizouse en dúas fases: a primeira consistiu nunha charla ofrecida tanto ao alumnado (mediante dúas sesións, unha para o alumnado de 4º de ESO a 2º de bacharelato), como as familias (nunha sesión).
As persoas relatoras das charlas foron:
Yolanda Triñanes Pego, xefa do servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e coordinadora do proxecto Biblioterapia: Lecturas saudables
Mónica Castro Murga, médica alergóloga no Hospital de Ferrol e experta en Bioética, presentará unha proposta de lectura do xénero narrativo (Frankestein)
Alberto Ramos Caneda, médico psiquiatra no Hospital de Santiago, introduciranos na literatura específica de cremento persoal ou autoaxuda.
A segunda fase consistiu no reparto entre as familias de bolsas viaxeiras de Lazos de Papel, con propostas de lectura en diferentes xéneros e soportes arredor desa temática. Esperamos que o proxecto sexa do interese da comunidade educativa. Animádevos a participar tamén facendo suxestións de lecturas sobre benestar emocional e novas temáticas do voso interese para as seguintes sesións.
O día 12 de marzo, tivo lugar a segunda sesión do programa Lectura e Familias, desenvolvido polo Departamento de Orientación, a Biblioteca e a ANPA, na que se pretenden afortalar os vínculos entre o instituto e as familias.
Esta segunda sesión consistiu nunha charla da psicóloga Belén Montesa Lou do equipo CoidadosAmente, sobre acoso escolar. A charla foi seguida por un coloquio sobre o tema e rematou co reparto de bolsas do programa Lazos de papel con lecturas que teñen como temática acoso.
O 9 de abril volvemos cambiar de escenario de reunións do Club de lectura Paroliñas e trasladámonos desde a biblioteca do centro ata a Librería Leria, con Iria como anfitrioa de excepción. Ademais esta xuntanza foi realizada en colaboración co programa Lectura e familias, adicado ao benestar emocional e saúde mental.
Nesta ocasión lemos ensaio, a obra As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña, quen nos fixo un oco na súa ateigada axenda para compartir impresións sobre a obra connosco.
Carmen falounos dos aspectos reais e ficticios do ensaio, dos seus encontros con descendentes de persoas protagonistas da obra como resultado da publicación, e mesmo nos falou da obra, neste caso de ficción, que vén de publicar, a novela Illas de sangue, situada na Illa de San Simón e que volve ter ás mulleres invisibilizadas como protagonistas.
O 28 de maio, tivo lugar a cuarta e derradeira charla deste curso do programa Lectura e Familias, desenvolvido polos equipos de Biblioteca e Orientación e pola ANPA, no marco da convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
A charla, titulada O impacto das redes sociais no benestar emocional da mocidade, foi impartida por Miriam Otero Requeijo, psicóloga de Coidadosamente.
A psicóloga falou do impacto da sobreexposición da mocidade ás redes sociais e o papel fundamental que xogan as familias no seu uso axeitado.
Dentro do programa Lectura e familias e en colaboración co programa Biblioteca creativa foi creada unha baralla de emocións.
Esta baralla está formada por 44 tarxetas individuais que representan cadansúa emoción por medio dunha imaxe e a súa definición. A baralla será empregada o vindeiro curso en titorías e na aula de convivencia para facilitar que o alumnado poida falar das súas emocións.
















Ningún comentario:
Publicar un comentario