30/04/25

Aí vén o maio!!

O 1 de maio celébrase a Festa dos maios ou, simplemente, Os maios, unha celebración tradicional galega da chegada do verán. E diredes vós, como que do verán, se o verán non chega ata o 21 de xuño? Pois évos así, o 1 de maio, é o momento intermedio entre o equinoccio de primavera e o solsticio de verán, e por iso se celebra que este último se está a aproximar.

Malia que moitos elementos desta celebración se foron perdendo ao longo do tempo, aínda se vén algúns restos desta celebración, por exemplo coa colocación de ramiños de xestas nas portas das casas ou nos coches.

Para que non se perda esta celebración da natureza, desde a biblioteca preparamos varias actividades en colaboración co equipo de Dinamización lingüística, a FPB de Agroxardinería e adornos florais e os departamentos de Lingua e literatura galega e Xeografía e Historia

Os alumnos e alumnas de 1º FPB de Agroxardinería e adornos florais construíu un precioso maio que está exposto tamén na biblioteca. É unha obra efímera polo que estará exposta por un tempo limitado. Aproveitade a ocasión!


O alumnado de 3º ESO da materia de Lingua galega e literatura estudou os maios como manifestación poética e fixo as súas propias creacións. Podedes desfrutar deles nunha exposición situada na biblioteca, así como en diferentes gravacións de podcasts. 


Por último, deseñamos uns marcapáxinas para conmemorar este día no que se unen  as creacións do alumnado de diferentes cursos da materia de Xeografía e Historia coas creacións do alumnado de Lingua galega e literatura. Os alumnos e alumnas de Xeografía e Historia realizaron o escaneado das flores do eido do centro que aparecen no anverso do marcapáxinas, así como a identificación da especie, mentres que no reverso amósanse maios seleccionados entre os realizados polo alumnado de Lingua galega e literatura. Podedes coller o modelo que máis vos guste cando visitedes a biblioteca!

Ningún comentario:

Publicar un comentario