22/05/23

Club de lectura de memoria democrática

O Club de lectura de memoria democrática está composto por alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de bacharelato. 

O grupo realizou varias lecturas ao longo do curso e ademais participou nun roteiro literario polos lugares nos que se desenvolve a novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Esta actividade relaciónase tamén cos PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos e Educación en pensamento crítico.

A novela conta a historia da familia Beckmann ao longo de tres xeracións ata a actualidade facendo referencia a eventos históricos como a II República, o auxe do fascismo en Europa, e a Guerra Civil, a relación do fascismo español co nazismo na II Guerra mundial, e a ditadura franquista. Na obra, Vigo é un protagonista máis.

O grupo visitando os restos dos silos do cable inglés, no porto de Vigo, próximos ás oficinas da familia Beckmann.

"Dous cabos telegráficos, o inglés e o alemán, como senllas arterias submarinas, bombeaban no corazón de Vigo as noticias do mundo, o latexo das bolsas e a hora do meridiano de Greenwich. Os funcionarios do Cable reuníanse en clubs sociais que organizaban elegantes bailes, that's jazz, do you like it...?, carreiras de cabalos, combates de boxeo e partidos de football contra os equipos locais. Bebían cervexa e viño do Porto, algún cocktail". Páxina 33.

"A saudade da terra firme escurecía tamén os soños de milleiros de emigrantes para os que Vigo era só o porto do adeus, un precipicio habitado e ruidsoso, o lugar no que se chantar diante do océano antes da travesía e volver a vista atrás ou formular unha promesa. Cunha maleta de cartón vagaban por todas as partes cunha pasaxe no peto da chaqueta tramitada pola Axencia Beckmann". Páxina 180.

Un selfie ao pé do edificio Albo onde se produce "a caída" ao inicio da novela, e un protagonista máis da historia.

"Nunca faltou a pedra nesta cidade, porque é a materia prima da que está feita. Mesmo así a construción demorouse uns oito anos, até se completar xa case en 1950, porque o ferro e o cemento que armaban a súa estrutura non abondaban na posguerra e o edificio Albo foi medrando como puido, por etapas, até se converter nunha colosal e lluminosa torta de vodas de varios pisos sobre o horizonte da ría. Os pináculos que coroan as súas alturas escaladas non estaban nos planos orixinais de Castro Represas. De feito son unha pequena traizón ao ideario racionalista do arquitecto, ou, mellor dito, unha concesión, obrigada, ao relato formal da ditadura por parte daquel home valente, fiel ás súas ideas". Páxina 92.

"Nada máis abandonar a estación do tres, desde a curva de Lepanto, tantos anos á sombra dos carrís elevados do Scalextric, admiro o plano partido da miña casa. A Rápida. O edificio Albo. A pirámide de Castro Represas. O vórtice, a agulla do compás". Páxina 189.




Paseando pola Gran Vía, moi cambiada con respecto aos anos 50.

"O bulevar da Gran Vía deserto, nun Domingo de Ramos. Ao fondo o portón do colexio de Cluny". Páxina 19.

"Así que a avoa puxo os ollos nunha promoción inmobiliaria que unha familia de conserveiros, os Albo, comezara a erguer, tamén en 1942, nunha propiedade erma, hoxe no centro da cidade, ao pé da nova Gran Vía del Generalísimo Franco". Páxina 90

"Tras pasa diante do Corte Inglés detéñome para contemplar a fachada de Gran Vía nº 2, recortada contra o rosa anil da atardecida, sobre a cicatriz transparente do Scalextric". Páxina 180.


O grupo visitando a casa de Bruno, na rúa Privada moderna e amosando o libro Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo.

"A Privada Moderna é unha pasaxe de edificios de tres alturas, todos iguais, á que se accede a través dunha empinada escaleira de pedra que salva o desnivel con Urzaiz. Gustaríame que foses alí un día, Thomas, que subises os tres tramos, de dez chanzos cada un, e que entrases nese patio de veciñanza. É unha rúa interior, sen tráfico, un decorado. A pica aínda non puido con ese lugar, porque o tempo se condensou alí dunha maneira singular, solidificado entre os ladrillos e o cemento da súa construción modesta". Páxina 159.


Vistas de Vigo, as Illas Cíes e a Península do Morrazo desde o Castro.

"Entón ao pasarmos as últimas casas de Alcabre, á vista da corcova das Cíes, arrodeaba o seu torso cos meus brazos e pousaba a orella no seu lombo, auscultando atento o motivo da miña dita, o corazón de Bruno a batucar no salitre da brisa, baixo os piñeiros". Páxina 168.

"Cruzamos a ría no vapor e despois un taxi deixounos en Beluso" P. 168

Ningún comentario:

Publicar un comentario