Para poñer o ramo a un curso de gran esforzo no proxecto Patio con(vida) de mellora do eido do centro, ao abeiro do Proxecto Terra, os alumnos e alumnas da materia de Paisaxe e sostibilidade realizaron unha visita a Allariz.
Esta visita foi organizada e financiada polo Proxecto Terra e estendeuse ao longo de todo o día.
Pola mañá, os alumnos e alumnas visitaron a vila de Allariz guiados por Vanessa, de REATUR. Pasearon ao longo do río Arnoia que a rodea, percorreron as rúas da vila, coñeceron o seu patrimonio, e visitaron tres dos seus museos: o Museo do Coiro, o Museo do xoguete e o Museo da moda.
O xantar transcorreu no Bosque do Rexo, pintado por Agustín Ibarrola; onde a rapazada repuxo forzas e a seguir xogou un partido de fútbol.
Pola tarde visitamos o Ecoespazo o Rexo e centro de educación ambiental, acompañados polas explicacións de Aldara. Percorremos o bosque do Rexo e coñecemos a historia da súa creación; seguimos un treito do río, observando o impacto do quecemento global no caudal hidrográfico e na vexetación; e observamos elementos patrimoniais vinculados ao entorno fluvial como a ponte, moi coñecida por ser un dos escenarios da película A lingua das bolboretas.
Despois desta inesquecible xornada, regresamos ao noso instituto, cheos de lembranzas e con ganas de volver saír de excursión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario