11/05/22

Casa para os insectos

O día 20 de maio celébrase o Día Mundial das Abellas para concienciar á poboación da importancia que os animais polinizadores teñen para o equilibrio medioambiental e as ameazas ás que se enfrontan.

Aínda que do que estamos máis concienciados é da necesidade de protexer ás abellas do mel (Apis mellifera), estas non son os únicos animais polinizadores. A maioría englóbanse en catro grupos de insectos: Hymenoptera (abellas, avespas e formigas), Diptera (moscas e mosquitos), Lepidoptera (bolboretas e bolboretas nocturnas ou couzas) e Coleoptera (escaravellos). Tamén hai paxaros e mamíferos que actúan como polinizadores, entre eles os morcegos.

Os alumnos e alumnas de Paisaxe e sostibilidade e Matemáticas, decidiron facer unha casa para insectos como xeito de contribuír á súa protección. Esta actividade realizouse en colaboración co Departamento de Medioambiente do Concello de Ames, ao abeiro do Proxecto Terra, do Plan Proxecta, e o PFPP Cultura da sostibilidade.

O Departamento de medio ambiente forneceu a casa dos insectos e a técnico de medioambiente Patricia Reboreda falou cos rapaces e rapazas sobre a importancia dos animais polinizadores. Os alumnos e alumnas encargáronse de recoller os materiais e amoblar a casa.

Ao longo dos vindeiros días os alumnos e alumnas seguirán traendo material para finalizar a casa dos insectos e tela lista e confortable para o Día Mundial das Abellas. 

O comité de Observación da natureza tamén contribuíu a finalizar a casa dos insectos. Moitas grazas!


Os alumnos e alumnas de 1º ESO de Matemáticas reconstruíron o volume da casa dos insectos e conseguiron este espectacular resultado!


Invitámosvos á que contribuades traendo elementos como piñas, canas de bambú, palla, ladrillos, pedras, cortizas ou tellas para rematar entre todos a casiña!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario