18/03/22

Arquitectura viva IV

O día 18 de marzo realizamos a derradeira fase que todos e todas estabamos agardando de construción da arquitectura viva, consistente no plantado dos vimbios en forma de semiesfera. Como xa sabedes, esta actividade encádrase no proxecto Patio con(vida), realizado ao abeiro do Proxecto Terra, do Plan Proxecta, e o PFPP do centro A cultura da sostibilidade.

A construción foi coordinada e guiada por Ignacio Bescansa e Elena Belgrano, arquitectos do Sistema Lupo, e nela participaron alumnos e alumnas de 1º de ESO das materias de Hábitos saudables, Matemáticas, e Paisaxe e sostibilidade, e alumnos e alumnas de 2º de bacharelato da materia de Xeografía. Tamén contamos coa ex-alumna Lucía González, que veu colaborar na realización da actividade.

Antes de comezar a construción houbo aínda moito traballo que facer. En primeiro lugar, Ignacio e Elena explicaron aos alumnos e alumnas os pasos que iamos seguir para conseguir erguer a estrutura.


A continuación, seleccionamos a póla máis grande, recta e forte para poñer como pilar central temporal. A seguir seleccionamos as catro pólas máis longas que nos permitisen crear os arcos perpendiculares. 

Unha vez seleccionadas as pólas que iamos empregar, limpámolos das gallas máis pequenas, e medimos e marcamos o lugar ata onde deberían ir enterrados na terra e onde deberían empatar entre si. Ao non conseguirmos o tamaño suficiente, recorremos a unir pólas para completar os arcos.




Asemade, fomos facendo os buratos de 20 cm para plantar os vimbios. Agradecemos moito ao veciño cole de infantil e primaria CEIP A Mahía o ternos prestado as paíñas para realizar as escavacións.




Co fin de ter todo listo para o momento do plantado, realizamos a mestura de fertilizante e auga que utilizariamos posteriormente.


E comezamos a construír. Primeiro puxemos os arcos perpendiculares para formar a clave que nos serviría de referencia para o resto da construción.



A seguir fomos engadindo os restantes arcos, sempre recorrendo á unión de diferentes pólas para conseguir as dimensións necesarias.



Aínda que por cuestión de tempo empregamos maioritariamente bridas de plástico, que retiraremos posteriormente, onde foi posible unimos as diferentes pólas con vimbio, ao xeito tradicional, moito máis sostible.


E ao longo da mañá, fomos tomando a remuda diferentes grupos de 1º de ESO e de 2º de bacharelato, e  a estrutura foi tomando forma. 


Tamén sacamos tempo para atender ás visitas doutros compañeiros e compañeiras e membros da comunidade educativa que viñan darnos ánimos, interesarse polo noso traballo, darnos consellos e ofrecer a súa axuda.


Foi pasando o tempo e chegamos ao fin da xornada lectiva. Rematou o tempo e rematáronse os vimbios que xenerosamente nos cederan Manola e Moncho, veciños de Capeáns (Ames); mais a estrutura básica xa estaba asegurada.


A semana seguinte recorremos á axuda de Manuel, veciño de Brión, que xa con anterioridade nos ofrecera moi amablemente os vimbios da súa leira no caso de que non abondase cos vimbios de Manola e Moncho. 

Agradecemos moito a doazón dos vimbios e o traballo de poda. Xa nin nos deu tempo de podar nós. Cando chegamos á leira atopamos os vimbios preparados para recoller, preparar e plantar. 

Con esta fantástica axuda conseguimos plantar os arcos baixos da estrutura e dar por rematada a nosa estrutura o 29 de marzo. 


Pero aínda non rematou o traballo. Agora temos que regar os vimbios todos os días para asegurar que a maior cantidade posible enraíza, sobrevive e comeza a gromar medrar.

Que vos parece o resultado? Esperamos que vos guste moito e que participedes no seu coidado e desfruter! 

Este é un proxecto no que se precisa moita paciencia para agardar polos cambios na estrutura e moito agarimo para coidar das plantas que a conforman, reemprazar as que sequen e manter e dar forma ás que estean vivas. Por iso se chama arquitectura viva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario