15/03/22

Arquitectura viva III

Seguimos cos preparativos para a construción da arquitectura viva no eido do centro... e os alumnos e alumnas de 1º ESO G tiveron hoxe unha mañá chea de aventuras podando os vimbios (Salix viminalis) na aldea de Capeáns (Covas). 

Queremos dar o noso máis sincero agradecemento a Manola e Moncho, veciños de Capeáns, que doaron os vimbios para podermos facer a estrutura e nos axudaron co traballo máis duro de poda, e a Fran, pai do alumno Arturo Liñares, que nos puxo en contacto con Manola e Moncho e tamén nos axudou cos aspectos máis difíciles do traballo desta mañá. Moitísimas grazas pola vosa xenerosidade!

Aquí vos deixamos a reportaxe gráfica do traballo realizado. Manola comezou por explicarnos para que se usaban e como se podaban os vimbios. Os rapaces e rapazas fixeron unha práctica de poda e ocupáronse das pólas máis pequenas e de transportar e organizar o que se ía podando.


Fran e Moncho ocupáronse das pólas máis grandes usando a serra, tixeiras de mango longo e mesmo motoserra.




Logo de rematar a poda chegou o momento de clasificar as distintas pólas e de metelas no autobús, o que tivo a súa complexidade!



Despois de despedirnos de Fran, Manola e Moncho, voltamos ao instituto e levamos a cabo a última fase do traballo. Descargar os vimbios e almacenalos.

É importante deixar os vimbios en auga para que non sequen... e onde podíamos poñer en auga uns vimbios tan grandes? Pois a mellor idea que se nos ocorreu foi metelos na nosa charca. Non fai falta usar auga da billa e, ademais, os vimbios oxixenan a auga. Todas son vantaxes!

Bo traballo rapaces e rapazas! Agora só queda construír a estrutura!

Ningún comentario:

Publicar un comentario