O que hoxe chamamos Samaín (un nome tomado da tradición irlandesa que en gaélico significa fin do verán) é unha festividade pagá que marca o remate da tempada de colleita de verán e o comezo do inverno. No ciclo anual está a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Crese que esta celebración ten a súa orixe no politeísmo celta e existen evidencias de que foi unha data de importancia dende a antigüidade. En Galicia tallábanse caveiras nos nabos, e nos calacús ou cabazas, e logo poñíanse nos camiños con cadansúa candela alumeando. Tamén se relacionaba este día coa celebración dos magostos. Nalgunhas zonas, como Ourense, saltábanse fogueiras como en San Xoan.
Fotografía de Roi Sanlés. |
Este tempo, ademais, era considerado como un tempo bisagra, no que os límites entre este mundo e o alén podían cruzarse máis doadamente que noutros momentos do ano e polo tanto era posible que as almas dos mortos visitasen aos seus familiares vivos. Por esta razón facíanse ofrendas e se celebraban banquetes nos que as almas dos familiares mortos eran convidados á mesa. Este convite tamén se fai na Noite Boa.
No século IX, a igrexa cristiá cambiou a data do Día de Todos os Santos do mes de maio para o 1 de novembro, e o 2 de novembro converteuse no Día dos Fieis Defuntos, polo que quedou asociada a unha celebración cristiá.
Na actualidade, coa influencia do Halloween vido de Estados Unidos, perdeuse tanto o sentido da celebración pagá como da relixiosa, para quedar convertida nunha celebración lúdica. Moitas persoas pensan que é unha celebración extranxeira, cando na realidade é unha celebración de noso que existía moito antes de que se crease un país chamado Estados Unidos.
Halloween vén de All hallows' evening, algo moi semellante ao noso Día de todos os santos. Esta celebración foi levada a Amércia polos emigrantes europeos no século XVIII, polo que o que consideramos unha celebración americana é realmente unha celebración europea levada a América e que volveu de novo a Europa co espallamento da cultura estadounidense.
Seguro que coñecedes outras celebracións ao longo do ciclo anual, como o solsticio de inverno (que foi asimilado polo cristinismo como Nadal), o momento a medio camiño entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primaver (que foi asimilado polo cristianismo como a Candeloria en San Blas), o equinoccio de primavera (que o cristianismo asimilou como Semana Santa), o momento a medio camiño entre o equinoccio de primavera e o solsticio de verán coa celebración dos Maios (que a igrexa asimilou coa celebración do día de María), ou o famoso solsticio de verán (asimilado polo cristianismo como San Xoan).
Podedes pasar ver no expositor do espazo Maruxa Mallo as suxestións feitas polo equipo de Biblioteca de lecturas de terror. Tamén podedes ver nesta ligazón e nesta ligazón información sobre o medo na literatura de tradición oral, e aquí unha nova sobre a celebración en Galicia.
Nesta ligazón podedes ver un vídeo sobre vampirismo preparado polos profesores Roberto Barral e Xosé Antonio Silva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario