O día internacional da muller e a nena na ciencia promove a igualdade na ciencia, é dicir, o aproveitamento do talento de toda a poboación. Isto é de vital importancia nunha época na que a Ciencia e a Tecnoloxía son decisivas para atopar solucións a moitos dos retos aos que se enfronta a humanidade, tales como a crise enerxética, medioambiental, alimentaria ou financeira.
Ao abeiro do Día Internacional da muller e a nena na ciencia, o 11 de febreiro desenvolveuse na Facultade de Física da USC unha xornada ou masterclass na que se levaron a cabo actividades relacionadas coa Física de partículas (a cargo da IGFAE -Instituto Galego de Física de Altas Enerxías- e o CERN -Organización Europea para a Investigación Nuclear-).
Con esta xornada, pretendeuse achegar ás alumnas de bacharelato ao traballo dos investigadores e poñer de manifesto as importantísimas aportacións á ciencia feitas por mulleres de diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións.
O IES Plurilingüe de Ames participa por segundo ano nestas xornadas. As alumnas que asistiron foron Andrea Prieto e Helena López de 1º de Bacharelato B, as que podedes ver en dúas das fotografías a seguir:
Andrea e Helena cóntannos como foi a súa experiencia, e invítannos a participar o vindeiro curso:
"O pasado martes, 11 de febreiro, dúas alumnas do centro acudimos a unha Masterclass á Universidade de física. O primeiro que fixeron alí foi explicarnos o básico de física de partículas e do acelerador de partículas. Logo fomos á sala de informática a facer unha práctica con casos reais do acelerador. Despois comparamos os nosos resultados cos obtidos por outras universidades, de Madrid e Roma e con dúas científicas do CERN, o cal axudounos a entender mellor o que nos explicaran antes. Como era o día da Muller na ciencia tamén nos falaron sobre mulleres científicas e abriuse un debate para que intercambiáramos ideas coas nosas compañeiras. Foi unha experiencia que me gustou moito, na que ademáis coñecimos a xente ca que compartimos opinións". Helena López
"Creo que ideas como estas son moi boas e axudan moito a todos os estudiantes a ver de maneira máis clara e non tan abstracta cales son as súas opcións de futuro. Esta masterclass é moi interesante para calquera, pero especialmente está ben que se fixera esta específica no dia da muller e a nena na ciencia para nós, e creo que pode impulsar a escolla de moitas estudantes. Parecéronme moi entretidas as explicacións teóricas da física de partículas e do acelerador de partículas. Aprendes en moi poucas horas moitos conceptos, e iso fai que non queden totalmente asentados, pero é un bo comezo. As partes prácticas tamén foron moi amenas, e gustoume moito a análise dos resultados, porque vemos a realidade do proceso e os resultados non perfectos pero concretos; xa que ao traballar con eles anteriormente, non son cifras que non nos achegen nada. É unha experiencia que recomendo persoalmente, onde a maiores podes coñecer a máis rapazas coas que compartes un mesmo interese". Andrea prieto
Ningún comentario:
Publicar un comentario