31/05/19

Intercambio territorial a Allariz co ProxectoTerra

O 23 e 24 de maio, os alumnos e alumnas de 2º de ESO do IES Plurilingüe de Ames realizaron unha excursión de dous días a Allariz. Este Intercambio territorial a  Allariz, foi organizado e financiado polo ProxectoTerra.

Con esta viaxe puxemos o ramo ao traballo de investigación sobre a Paisaxe medieval en Ames, desenvolvido durante o curso e realizada no marco do ProxectoTerra e dentro do Plan Proxecta.



O día 23, o grupo visitou Santa Mariña de Augas Santas pola mañá e o Centro de educación ambiental do Rexo, pola tarde.

En Santa Mariña de Augas Santas estivemos acompañados dos monitores de REATUR, Vanessa e Manuel, que nos explicaron como lenda e realidade se dan a man no patrimonio da zona e nos guiaron na nosa viaxe no tempo desde a Idade do Ferro ata a actualidade. 

Temporalmente a nosa viaxe comezou no Castro de Armea, ocupado por nativos castrexos primeiro e por romanos interesados na explotación da oliva máis tarde. O forno da Santa reúne tres momentos cronolóxicos, pois foi creado na Idade do Ferro, continuado en época romana e reusado e reinterpretado na Idade Media. Finalmente, o conxunto de Santa Mariña de Augas Santas é unha marabillosa mostra de arte románica da Idade Media relacionada coa coñecida e misteriosa orde dos templarios e erexido, segundo di a tradición, no lugar do martirio de Santa Mariña.



Logo de visitar Santa Mariña de Augas Santas, dirixímonos ao Ecoespazo do Rexo, onde xantamos acompañados do agarimoso Pancho, un dos burros do centro, que nos amosou a importancia de termos unha dieta equilibrada e comermos de todo. 

Pola tarde, Carlos, monitor da Fundación González Ferreiro, guiounos polo espazo de centro de educación ambiental, ensinounos a berrar como os mouchos, ganir coma os raposos e crotorar como as cegoñas; amosounos a lagoa viva con especies únicas nesta zona de Galicia, e contounos como recoller mel.

Tamén nos amosou a granxa A ovelliña, que el mesmo leva, e nos explicou todo o proceso de coidado das ovellas e produción do Queixo O Rexo, o único queixo de ovella producido en Galicia. 

A visita rematou do mellor xeito posible, degustando ao aire libre todos xuntos o saboroso queixo producido na granxa.


O día 24 de maio visitamos Allariz coas guías de REATUR, Vanessa e Cristina. 

Con elas fixemos un percorrido polo centro histórico de Allariz e o río Arnoia, recuperados no marco do Plan Especial de Protección do casco histórico de Allariz, que recibiu o Premio Europeo de Urbanismo en 1994.

Visitamos o Museo do xoguete, o Museo da moda e o Museo do coiro, situado nun curtidoiro hoxe testemuña única dos moitos que había no século XVIII á beira do río Arnoia. Tamén tivemos a sorte de poder visitar os xardíns do X Festival Internacional de Xardíns de Allariz, e votar polo noso xardín preferido.



Queremos dar o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron a nosa estadía en Allariz inesquecible: Vanessa, Manuel e Cristina, monitores de REATUR que nos axudaron a comprender todo o que viamos a noso arredor; Carlos, monitor da Fundación González Ferreiro, que nos achegou á natureza e ao desenvolvemento sustentable; Jose Luis e o equipo do Albergue Salesiano, que nos proporcionaron aloxamento e comida marabillosa; José Manuel Rosales, coordinador durante moitos anos e alma do ProxectoTerra, que sempre ten palabras de ánimo e solución para calquera problema;  e Alberto, quen tomou a remuda este ano na coordinación e filosofía do ProxectoTerra e nos guiou na preparación da viaxe e acompañou e axudou en todo durante ela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario