15/11/24

O IESP premiado no VII Certame de Imaxes do Patrimonio

Os alumnos e alumnas que participaron o curso anterior no VII Certame de Imaxes do Patrimonio viaxaron a Vigo para asistir á gala de entrega de premios.

Tanto o certame como a gala de entrega de premios foi organizada pola Asociación Cultural Ponte...nas ondas! Dous alumnos do noso instituto (Irene Álvarez Rodríguez e Xoán Rivas Seijas) foron galardoados con cadanseu accésit, e unha alumna do centro de ensino secundario Clara de Resendes, que participou no certame en irmandade co noso centro (Catarina Marques Pinto), recibiu o segundo premio. 

Eis as fotos premiadas! Moitos parabéns polos premios e moitos parabéns tamén en xeral ao alumnado participante e ás súas familias que seleccionaron as fotografías familiares e compartiron a historia detrás delas!

Como coñecín o voso avó (Accésit)

Nesta fotografía, feita en 1968, aparecen á esquerda miña avoa, no medio meu avó, ambos con 19 anos, e á dereita unha amiga común que traballaba coa miña avoa.

A fotografía foi feita en Trafalgar Square, en Londres, onde os meus avós se coñeceron pois, aínda que ambos son galegos, miña avoa é da Serra de Outes (A Coruña), mentres que o meu avó naceu en Salvaterra do Miño (Pontevedra).

Durante a súa estancia no Reino Unido, a miña avoa tivo tres traballos: no xeriátrico de Ellesmere e nun hospital, como parte do servizo de limpeza, e no hotel Kensington Palace, realizando labores domésticas.

Foi traballando no hotel cando coñeceu meu avó. Saudábanse polas fiestras, xa que el traballaba no edificio de en fronte. Pouco a pouco meu avó, segundo di a miña avoa, foi tratando de conquistala. Chamábanse polo teléfono do hotel ou, por un penique, falaban durante horas nas cabinas telefónicas. Mesmo cando tiñan que voltar para Galicia mandábanse cartas para manter o contacto.

Permaneceron en Londres ata o ano 1973. Nese ano casaron e regresaron a Galicia, concretamente a Ponteareas (Pontevedra). Alí tiveron grandes alegrías, como un premio da quiniela que lles permitiu abrir o bar "As de copas" e formar unha familia numerosa de seis fillos. O segundo, meu pai.

Irene Álvarez Rodríguez (2º bacharelato)


Voda multicultural en 1957 (Accésit)

Nesta imaxe, tomada en Río de Xaneiro, o 23 de marzo de 1957, amais dun día de celebración nupcial entre a miña avoa, Nely Machado Baranauskas e o meu avó José Seijas González, agóchase a historia dos movementos migratorios de Europa a Sudamérica na primeira metade do Século XX.

As outras dúas persoas que acompañan os noivos son os meus bisavós, Ilsa Machado e Antanas Baranauskas. 

Esta voda non tería acontecido sen a emigración de parte da familia Baranauskas dende Kaunas (Lituania) a São Paulo (Brasil), onde se instalou unha muller cos seus tres fillos, fuxindo da inestabilidade política, consecuencia do golpe de estado nese país en 1926. 

Logo de adaptarse a unha nova lingua e unha nova cultura, o maior dos fillos trasladouse a Río de Xaneiro como xerente dunha fábrica de xoguetes. Alí coñeceu o amor da súa vida, unha moza brasileira con orixes na escravitude, coa que casa a finais da década dos 30.

Dese matrimonio naceu en 1940 a súa filla Nely, quen medrou nunha familia acomodada da sociedade carioca.

En 1955, con 14 anos, Nely coñece un emigrante galego que chegara a Brasil buscando facer fortuna e fuxindo da miseria do Franquismo. Dous anos máis tarde casan, e ese evento, que recolle a fotografía, é o comezo dunha nova historia familiar que se traslada a Galicia na década dos 70, coincidindo coa recuperación da democracia en España.

Xoán Rivas Seijas (4º ESO)


As meninas não são bonecas (2º premio)

Nesta fotografia, tirada em Lamego, em 1956, é possível observar um concurso de vestidos de bonecas.

Entre muitas crianças, encontram-se a minha avó (Maria Helena Duarte), a minha tia-avó (Maria Estrela Duarte) e a minha tia-bisavó (Maria de Lurdes Carminé).

Naquela altura, esperava-se que as mulheres se encarregassem dos trabalhos domésticos, como cozinhar, tratar dos filhos ou fazer as limpezas. Também era muito valorizada a capacidade de uma mulher costurar.

Por isso, várias famílias de Lamego organizaram um concurso para jovens meninas costurarem roupas para bonecas de forma a desenvolverem e mostrarem as suas capacidades de futuras "fadas do lar" (como eram chamadas as mulheres que ficavam em casa naquela altura).

Esta fotografia questiona-nos sobre o quanto a nossa sociedade evoluiu nos últimos cerca de setenta anos, sendo que naquela época as mulheres não tinham tanta liberdade para fazer as suas escolhas, sendo apenas valorizados certos aspetos e competências que estas possuíam.

As aptidões que eram esperadas uma mulher ter eram diversas, mas não muito abrangentes, pois giravam sempre à volta da ideia que a mulher tinha o dever e o propósito de ficar em casa, sem o direito de ir trabalhar ou fazer algo por que estivesse realmente interessada.

Catarina Marques Pinto (Ano 9, Escola secundária Clara de Resende)

A seguir podedes ver a fotografía de familia de todos os premiados e premiadas, unha imaxe da actuación musical de Paco Nogueiras e unha imaxe do grupo que participou na gala. Animádevos a parrticipar no certame!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario