26/04/24

O club de lectura analiza Materia de Yolanda Castaño

O día 25 de abril tivo lugar a segunda xuntanza do Club de lectura de persoas adultas da comunidade educativa do Club de lectura Bibliolocus, da biblioteca do centro.

Nesta ocasión o tema foi a poesía e a obra elixida Materia, de Yolanda CastañoCarlos Negro foi o mestre de cerimonia de excepción para axudarnos a comprender e desfrutar máis, non só de Materia, senón de toda a obra da autora e a evolución da poesía galega nos últimos corenta anos.


Carlos falounos da gran influencia da figura de Rosalía de Castro nas poetas actuais e de cómo a revolución feminista na literatura chegou antes á poesia que á prosa.

Contounos acerca de diferentes escolmas de poetas galegas con voces moi diferentes e interesantes, como Así fala Penélope, ou Poetízate.

Falounos da escasa representación de mulleres na poesía da década dos 80, salvo Xela Arias ou Luísa Villalta. 

Tratou os diferentes temas da poesía a partir dos anos 90: a apropiación da sexualidade e o corpo feminino (con obras como Baleas e baleas, de Luísa Castro, Pornografía, de Lupe Gómez, Profundidade de campo, de Yolanda Castaño), a reivindicación das estirpes familares (con obras como Na casa da avoa, de marta Costa), a expresión da maternidade comezando co Daría a diario de Xela Arias (á que seguiron obras como Oso, mamá, si?, de María Lado; Feliz idade, de Olga Novo, entre outras), a sororidade (Lobas, bruxas, de Xoana Arias; As amigas, de Yolanda Castaño) ou a linguaxe nas redes (visible en autoras como Olga Novo, Alba Cid ou María do Cebreiro).


Tras esta interesantísima introdución, Carlos centrouse na obra de Yolanda Castaño dentro do contexto histórico, literario e poético, dividíndoa en dúas etapas: os anos iniciais (nos que foi pioneira en usar a linguaxe da sexualidade, pero non desde o punto de vista do home como sucedera ata daquela, senón desde o propio) e a segunda etapa a partir da obra Profundidade de campo.

Finalmente, o foco de atención pasou á obra Materia, na que Carlos analizou como a autora quere librarse da conexión á familia (á reivindicación das estirpes), á maternidade e á terra que se observa noutras poetas.  

A seguir, todo o grupo debateu sobre o libro, analizou máis polo miúdo os poemas que máis chamaron a súa atención, reflexionou sobre como resoaba nas distintas persoas a postura da autora, e compartiu experiencias propias.

Un momento especialmente emotivo foi cando María Saborido, integrante do grupo de lectura, compartiu co resto do grupo un precioso poema de elaboración propia, Luciñas do mar de Lira. Moitísimas grazas, María! 

Ao remate da sesión todo o grupo saíu con ganas de ir correndo a ler máis poesía, inspirados polas explicacións tan claras de Carlos Negro. Moitísimas grazas, Carlos, por facer que todo pareza tan doado!

Ningún comentario:

Publicar un comentario