A pradeira natural que creamos no curso 2020-2021 como parte do proxecto Patio con(vida), do Proxecto Terra, continúa a evoluir. Aínda que non está tan colorida como o primeiro ano, os cambios que se producen ao longo do tempo son moi interesantes. No primeiro ano abundaron as plantas de flor, o segundo ano predominaron as gramíneas, o terceiro ano tiveron gran presencia o mentastre e o papiro, e neste cuarto ano predomina a silveira, ademais de que se observa claramente como un pequeno brote de salgueiro xa se está a converter nunha matogueira de certo porte. Nas fotos de abaixo podes ver a evolución desde a esquerda e no sentido das agullas do reloxo.
Como xa sabedes, desde o curso 2020-2021, estamos a facer un herbario das plantas que imos documentando na pradeira natural e outras zonas do noso eido.
Ademais do herbario tradicional, este curso estamos a experimentar coa realización dun herbario dixital a través do escaneado directo das plantas.
Esta actividade está inspirada no libro A tus plantas Alpujarra, de Anabel Sandoval, Julio Donat e Salvadora Moreno, publicado en 2007 pola Asociación de mujeres de Orgiva. Nesta obra documentan as plantas de Alpujarra a través do seu escaneado.
Pareceunos unha idea preciosa e un xeito moi bo de documentar as plantas e asegurar o almacenamento do herbario a longo prazo sen que as plantas perderan a súa cor, así que nos puxemos mans á obra. Enviamos o noso sincero agradecemento á profesora Nely, de Educación Plástica por darnos a coñecer este libro e esta idea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario