Os alumnos de 2º de bacharelato das materias de Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais e Xeografía de España realizaron un roteiro pola senda do Rego das Andoriñas analizando diferentes elementos desde unha perspectiva matemática e xeográfica.
O alumnado analizou as características do rochedo, relevo, climatoloxía, vexetación e hidrografía da zona, así como a pegada do ser humano neses elementos mediante a análise dos elementos etnográficos, os usos agrarios, o poboamento e as novas formas de turismo.
Os alumnos e alumnas tamén realizaron fotografías de follas de diferentes árbores coas que traballarán en clase na materia de Matemáticas co programa GeoGebra.
Durante a visita puidemos ver e ouvir aves como un corvo mariño grande, dous lavancos, un miñato, varios paporrubios, pardais, pegas, gaios, merlos e lavandeiras brancas entre outros.
Entre a vexetación vimos especies en perigo de extinción como o rañacús ou xilbarbeira, e tamén documentamos diferentes tipos de cogomelos.
Uxía Iglesias e Lucía Dieste son as autoras das fotografías a seguir. Destacan o Cantharellus cornucopioides (trompeta dos mortos) e o Umbilicus rupestris (couselo).
Ningún comentario:
Publicar un comentario