O 11 de maio conmemórase o Día mundial das aves migratorias. Esta data foi establecida en 2006 polo Secretariado do acordo pola conservación de aves acuáticas migratorias africanas e euroasiáticas e o Secretariado da convención sobre a conservación de especies animais salvaxes migratorias. Con ela búscase concienciar á sociedade da necesidade de protexer as aves migratorias e os seus hábitats e o impacto positivo que estas aves teñen no medioambiente.
O lema desta conmemoración para 2024 é Protexe os insectos, protexe as aves, pois os insectos son precisos para a polinización e tamén son alimento para as aves. Á vez as aves cumpren unha función vital no equilibrio medioambiental ao manter o equilibrio no número de insectos e protexer ao ser humano de insectos transmisores de enfermidades.
Para conmemorar esta data, preparamos a exposición Natureza no eido do IESP de Ames, onde reunimos diferentes elementos relacionados coa natureza no noso eido, así como bibliografía variada sobre natureza e sostibilidade.
Unha parte da exposición estaba adicada ás 32 aves censadas no eido do instituto, a través dos espectaculares debuxos de cada unha delas realizados pola alumna Elisa Méndez, de 3º ESO A.
A exposición tamén incluía a colección didáctica de follas das árbores do eido do centro realizada en madeira polos alumnos e alumnas de 1º ESO C e D na materia de Tecnoloxía.
No tendal (espazo de exposición ao aire libre) situado no xardín norte, exhibiuse tamén a parte correspondente aos debuxos de aves, co título de As viaxeiras do vento.
Ao longo do mes de maio realizáronse diferentes visitas guiadas á exposición, nas que participou a propia Elisa, xunto coa profesora de Xeografía e Historia.
Elisa compartiu co alumnado o seu proceso creativo, realizou presentacións para os alumnos e alumnas de 1º ESO e para os pequenos e pequenas de infantil do CEIP A Maía, e tamén charlou con representantes do IES Andalán de Zaragoza e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), que nos visitaron como parte do proxecto Observa-acción no que participou o centro. Moitísimas grazas Elisa polo excelente traballo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario